Máis mocidade galega a vivir cos pais na suposta saída da crise

Manifestación contra o paro xuvenil CC-BY-NC-SA CIG

Galicia envellece a un ritmo cada vez máis acelerado e semella que os  únicos lugares onde medra o número de persoas novas son as casas dos pais e nais. Mentres dende instancias oficiais se teima no "inicio da recuperación económica" ou nas consabidas luces ao final do túnel os datos desmenten que un dos sectores sociais máis afectados pola crise vexan próximo o cambio de rumbo. Cunha taxa de paro próxima ao 40% unha ollada á enquisa de condicións de vida das familias que peneira o Instituto Galego de Estatística permite coñecer que a emancipación xuvenil está a frear precisamente no suposto fin da crise económica.

Segundo o IGE o ano 2012 -último dato dispoñible- rematou en Galicia con máis de 324.000 mozos e mozas vivindo na casa dos pais, un 0,96% máis que no ano anterior. Isto implica que o 60% da mocidade galega, catro puntos porcentuais máis que doce meses antes, non desenvolve unha vida independente, fóra da casa materna ou paterna. As cifras de 2012 frean unha tendencia descendente, lixeira pero continua, que deu lugar a que entre 2007 e 2011 se emancipasen en Galicia arredor de 50.000 persoas de entre 18 e 34 anos.

Seis de cada dez mozos e mozas de Galicia viven cos pais

Neste contexto, outro dos datos rechamantes deste estudo ten que ver co aumento non só da mocidade non emancipada, senón tamén dos mozos e mozas que viven coa parella sen saír da casa dos pais. Atendendo aos datos do IGE o 7,33% dos mozos e mozas que viven coa súa parella fano na casa familiar. A finais de 2011 este indicador estaba no 6,54% e no remate de 2010 acadara o 7,44%. Non baixou do 6% nin sequera nos anos considerados de bonanza económica.

En case o 50% dos fogares de persoas menores de 35 anos entran menos de 1.500 euros ao mes

Aínda que inflúan outros factores sociais ou conxunturais esta, como tantas outras, semella ser unha cuestión de cartos. Así, o propio IGE reflicte que en case o 50% dos fogares galegos compostos por persoas menores de 35 anos entran menos de 1.500 euros ao mes e no 26%, menos de 1.000. Neste escenario, apenas o 20% dos fogares se sitúan na faixa de ingresos entre os 1.500 e os 2.000 euros mensuais e aínda menos, o 16%, supera os 2.000 ou os 2.500 euros de ingresos cada mes.

Manifestación contra o paro xuvenil CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.