Mercadona consuma o engano: non aplicará o incremento do IVE pero xa subiu os prezos en agosto

Tenda de Mercadona © Mercadona

O anuncio de Mercadona, primeira empresa de distribución en España, agardábase dende que hai unhas semanas comezara a denunciarse que a cadea de supermercados estaba aplicando por anticipado o incremento do IVE, que entrará en vigor o 1 de setembro. Agora di -aínda que parece que non vai facer publicidade da decisión- que non lle repercutirá aos seus clientes o ascenso do 8% ao 10% do tipo reducido e do 18% ao 21% no tipo xeral. Nos últimos días foi filtrando a decisión a algúns medios de comunicación, para aparecer nas enumeracións de establecementos e produtos que non aplicarán a suba.

Durante os meses de xullo e agosto, a empresa presidida por Juan Roig veu subindo o prezo de todos os seus produtos entre un e cincuenta céntimos, na cantidade exacta obrigada polo ascenso do IVE e nalgúns casos nunha cantidade meirande. Mercadona seguiu, máis ou menos, a mesma estratexia que xa puxera en marcha en 2010, na anterior suba deste imposto.

O incremento de prezos se veu realizando de forma escalonada e progresiva e sobre todo centrada nos produtos de marcas distintas a Hacendado ou Deliplus, que pertencen a Mercadona e ás que tentaría protexer deste xeito.

Nas últimas semanas Mercadona veu estando no centro da actualidade, tanto pola acción de Sánchez Gordillo e o grupo de activistas do Sindicato Andaluz de Trabajadores, que marcharon dun dos supermercados da cadea con varios carros cheos de alimentos, coma polo anuncio da retirada de varios produtos cosméticos fabricados pola empresa, non aptos para o uso. Estas novas, unidas ás informacións de que é a cadea de distribución que menos achegas fai para as persoas sen recursos ou as denuncias relacionadas coa súa política laboral, con varias demandas por acoso ou despedimentos improcedentes, fixeron xa que Mercadona iniciase unha estratexia para mellorar a súa imaxe nas redes sociais.

Juan Roig, presidente de Mercadona © Mercadona

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.