A vivenda, un malogrado sector en plena crise, recibiu un duro golpe no Consello de Ministros do pasado venres 13, cando o Executivo aprobou, ademais dunha suba do IVE, a fin das desgravacións por compra de primeiro inmoble a partir de 2013 ou o recorte das axudas ao alugueiro para os mozos, a coñecida como Renda Básica de Emancipación.
O portal inmobiliario Idealista recolle nun estudo que, atendendo a estas novas variables, a compra dunha vivenda en España encarecerá a partir de 2013 en máis de 25.000 euros, no caso dun inmoble de 100.000 euros hipotecado nun 80%, a causa, en concreto, do incremento do IVE e do fin de desgravación por compra.
En concreto, segundo apunta este estudo, o aumento do tipo impositivo, que pasa dun 4% a un 10% suporá un sobre custo de 9.000 euros sobre unha vivenda de 150.000 euros, que, neste momento conta cun pago de IVE de 6.000 euros, mentres que a partires do 1 de setembro, cando entre en vigor o aumento impositivo será de 15.000, ou o que é o mesmo 1,5 millóns de pesetas máis.
Nunha vivenda de 250.000 euros os impostos pasarán de 10.000 a 25.000 euros
No caso dunha vivenda valorada en 250.000 euros o aumento é moito maior. Só coa suba do IVE, pasará de ter impostos por valor de 10.000 euros a ascender a 25.000 euros. É dicir, terá un sobre custe de 15.000 euros.
Nun segundo apartado, a fin da desgravación por compra de vivenda conlevará tamén unha suba do importe total a pagar por unha vivenda a longo prazo, xa que esta medida se repercutirá ano a ano a partir do vindeiro 1 de xaneiro. Segundo o mesmo estudo de Idealista, si se adquire unha vivenda de forma individual (co custe hipotecario sobre unha soa persoa) unha vivenda de 250.000 euros con unha hipoteca sobre o 80% do importe a 25 anos (a que se considera en España hipoteca media), cun interese do 4%, ao final deses anos, por desgravacións, un español aforraría máis de 33.000 euros (33.900).
No caso dunha hipoteca por un importe inferior, de 100.000 euros, o aforro por desgravación será, en 25 anos, de 19.000 euros. Se a este caso paradigmático se lle suman os 6.000 euros adicionais de IVE para a mesma vivenda, supón un sobre custe de 25.000 euros, segundo os cálculos da web.
Aumento de operacións
O IVE entrará en vigor a partir do vindeiro 1 de setembro, pero a desgravación seguirá vixente en todas aquelas vivendas que se compren antes de 2013, polo que o xefe de estudos de Idealista.com, Fernando Encinar, prevé que durante os meses que restan antes de 2013 aumente de xeito significativo a compravenda de vivendas por parte, sobre todo, de “indecisos”. “Podemos asistir a unha especie de rally alcista de vendas, como aconteceu en 2010 cando o Goberno socialista eliminou a desgravación por parte dos compradores”, sinala.
"Podemos asistir a unha especie de rally de vendas, como aconteceu en 2010"
En canto aos prezos, o profesor de Economía Financiera da Universidad San Pablo CEU, Miguel Córdoba, apuntou que a alza e a baixa do valor da vivenda no mercado “está moito máis relacionado coa situación de stock nos bancos e cos promotores inmobiliarios”, e non tanto, sinala, co aumento da demanda.
Neste senso, apunta que no que queda de ano 2012 “estas medidas non terán apenas impacto sobre os prezos, que seguirán baixando ata chegar a un hipotético chan que, coido, chegará a mediados de 2013, cando os prezos nas cidades teñan baixado xa un 40%”. A partir deste momento, asegura Córdoba, “podemos comezar a falar dun mercado inmobiliario que siga a lóxica de sempre”.