Milleiros de galegos decátanse agora de que tamén son afectados polas preferentes

Concentración dos afectados polas preferentes na Coruña © Praza Pública

Milleiros de galegos veñen de decatarse de que tamén son posuidores de participacións preferentes de Novagalicia Banco. Así o denunciou Xesús Domínguez, voceiro da plataforma de afectados de Compostela, que asegurou que estes aforradores estanse enterando nesta última semana de que tamén son titulares destes produtos financeiros de risco.

Os aforradores pensaban que o escrito 'PF' significaba 'prazo fixo', pero quería dicir 'preferentes'

Enteráronse a través das cartas que a entidade bancaria galega está a enviar a todos aqueles clientes de produtos tóxicos, e nas que se lles comunica a quita que sufrirán sobre os seus aforros. Segundo aclara Domínguez, son moitos os posuidores de preferentes que estaban convencidos de ter os seus cartos nun depósito a prazo fixo. E pensábano polas iniciais PF que aparecía sempre na documentación do banco. Pero esas letras non significaban prazo fixo, senón preferentes.

Así, a plataforma de afectados de Compostela asegura que esta sorpresa para moitos aforradores provocou que moitísima xente acudise ao instituto dependente da Xunta para demandar a vía de arbitraxe. Isto podería aumentar a cifra de de afectados polas preferentes de Novagalicia Banco, que superaría os 65.000 que se adoita dicir.

Ademais, e sobre o anuncio da directora xeral de Comercio, expresado este venres na Cámara galega, na que a Xunta se compromete á devolución dos seus aforros ao 100% dos estafados, a plataforma de afectados de Compostela cualifícao de "mentira" e "publicidade".  "Se o ritmo das vistas da arbitraxe segue como na actualidade, chegará ao 2022", denuncia. "Terían que estar a facer centos de arbitraxes ao día", subliña.

Afectados denuncian a agresión a dúas afectadas durante as protestas en Mondariz

Por outra banda, as plataformas de afectados por participacións preferentes de Condado-Louriña e do Baixo Miño denunciaron este venres a agresión a dúas dos seus compoñentes por parte de axentes policiais nos exteriores do pontevedrés balneario de Mondariz.

Segundo denuncian, dúas mulleres foron atendidas nun centro de saúde e logo evacuadas en coches particulares ao hospital Meixoeiro de Vigo para que alí lles fixesen un parte de lesións por diversos golpes e mazaduras.

Plan do CGPJ para "axilizar" a presentación de demandas

Ademais, o Consello Xeral doPoder Xudicial (CGPJ) está a elaborar un plan en Galicia para facilitar a tramitación "áxil e ordenada" dunha previsible masiva presentación de demandas de aforradores afectados pola trama de participacións preferentes, segundo informaron fontes xudiciais. O obxectivo do plan é lograr que os casos teñan sentenza nun prazo razoable ao tempo e que a presentación destas demandas non afecte o normal funcionamento dos xulgados.

Protesta dos afectados galegos polas preferentes © Daniel Candal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.