Milleiros de galegos saen ás rúas en defensa dos servizos públicos

Manifestación na Coruña CC-BY M. Pereira

Milleiros de persoas volveron saír á rúa en Galicia contra os recortes do Goberno do PP aos servizos públicos. Neste caso, as manifestacións nas principais cidades de Galicia serviron para manifestar o apoio e a defensa do emprego público, ante as duras medidas de recorte que están a sufrir os traballadores das administracións nos últimos meses.

Todos os sindicatos secundaron unidos unhas mobilizacións que continuarán nos vindeiros meses

Os tres principais sindicatos galegos, CIG, CCOO e UGT, secundaron as mobilizacións e volveron apostar pola unidade de acción nunhas protestas apoiadas tamén por outras centrais e sindicatos sectoriais como CSI·F; STEG; ANPE; CESM; OMEGA; SATSE; USAE; STAJ; CEP; SUP; UFP; AUGC; UniónGC; CGT; USO ou USTG, así como polos colectivos feministas, que se manifestaron contra as últimas manifestacións do ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, sobre o aborto. Houbo bandeiras e pancartas de todo tipo mesturadas, tamén as de sindicatos policiais.

"Hai que recortar o Partido Popular", foi un dos lemas que máis se berrou nunhas marchas baixo o lema Na defensa dos servizos públicos, non aos recortes dos nosos dereitos e nas que moitos dos seus asistentes foron empregados públicos, que anunciaron un final de verán e un outono quente ante os recortes que levan sufrindo nos últimos meses. O último deles, a supresión da paga extra de Nadal. Nalgunhas das protestas lanzáronse ovos, lixo e pintura contra sedes do PP, como en Ourense. "Non faltan cartos, sobran ladróns", gritouse tamén.

"Restan recursos aos servizos públicos que recibe a cidadanía en favor dos beneficios empresariais duns poucos

Á finalización das manifestacións, leuse un comunicado apoiado por todos os sindicatos que secundaron as protestas. Nel, denunciouse que as "actuais políticas privatizadoras" aplicadas polo Executivo "restan recursos aos servizos públicos que recibe a cidadanía en favor dos beneficios empresariais duns poucos , xunto cos recortes orzamentarios experimentados nos últimos tres anos e o ataque frontal ás empregadas e empregados públicos, debilitaron os servizos públicos poñendo en risco o mantemento e a continuidade dos servizos esenciais que ata agora definiran o Estado do benestar".

Así, denunciouse que a crise sexa "a escusa perfecta" de Xunta e Goberno central "para subtraer recursos dos servizos esenciais", xusto no momento no que a protección social é máis necesaria. "Privatizan o público,  lanzan a cidadanía aos brazos das empresas especuladoras en servizos sociais, educativos e sanitarios, medios de comunicación e transporte, e arremeten sen contemplacións contra o persoal do sector público", aseguraron os líderes sindicais.

"Traballamos para que se garantan os dereitos os cidadáns e cidadás e por eles temos que loitar"

"As empregadas e empregados públicos traballamos para que se garantan os dereitos os cidadáns e cidadás e por eles temos que loitar. Por eles e pola nosa dignidade", aseguraron, tras anunciar máis protestas. Os traballadores da Administración lembraron que xa lles "furtaron o 45% do salario nos 15 últimos anos" e que lles restaron dereitos laborais e sociais. A parte das conxelacións salariais e devaluación dos salarios, no ano 2010 tiveron unha baixada salarial media dun 5% , acadando nos grupos superiores ata o 10%, e este ano 2012 dun 7,1%, supresión de días de libre disposición, penalización económica por enfermidade...

"A reivindicación polo mantemento dos servizos públicos de calidade, e universais, non é só dos empregados públicos. Debe ser un berro único en defensa dos dereitos básicos", reclamaron. "Debemos expresar o noso rexeitamento con contundencia porque, de non o facer, sentiranse lexitimados para continuar gobernando de costas aos nosos dereitos como empregados públicos e como cidadáns, ás costas do noso pobo e contra os seus intereses", concluíron.

Máis mobilizacións

Por outra banda, as organizacións sindicais da Área Pública acordaron, na xuntanza celebrada este luns, continuar coas mobilizacións contra os recortes e agresións impostos polos gobernos do PP contra os empregados públicos.

CIG, CCOO e UGT teñen convocadas xa mobilizacións coincidindo coa celebración dos Consellos de Ministros no mes de agosto, pero a estas mobilizacións sumaranse todas aquelas organizacións sindicais da área pública que así o estimaren. Ademais diso, en setembro retomaranse as concentracións, manifestacións e demais actos que xa se viñan celebrando todos os xoves diante dos centros de traballo. A primeira destas concentracións terá lugar o xoves día 6 setembro, entre as 11 e as 12 horas da mañá.

Manifestación na Coruña CC-BY M. Pereira
Manifestación en defensa dos servizos públicos Dominio Público @bretemas
Manifestación en Compostela Dominio Público @terevilas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.