Milleiros de persoas maniféstanse "pola industria, o emprego e o estado de benestar"

Manifestación na Coruña © CC.OO.

Máis de 50.000 persoas secundaron en Galicia, segundo os seus organizadores, as manifestacións convocadas por UGT e CCOO baixo o lema Máis paro, máis recortes, menos protección. Queren arruinar o país!. Hai que impedilo!. Pola industria, polo emprego e polo estado de benestar. As marchas tiveron lugar na Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Burela, Lugo, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo, onde estiveron os secretarios xerais de ambos os dous sindicatos en Galicia.

Todas estas mobilizacións enmárcanse na convocatoria do Cumio Social, que no resto do Estado transcorreu o domingo; na Xornada Mundial polo Traballo Decente, que se ven celebrando xa desde hai anos nestas datas; e nunha xornada de mobilización a nivel europeo en defensa da industria, prevista para este luns. Os manifestantes denunciaron "uns orzamentos para o 2013 tremendamente restritivos e que fan que sexan sobre todo os máis febles: traballadores/as, desempregados/as, pensionistas e mocidade os que teñan que pagar os custos da crise". As marchas denunciaron tamén que en Galicia, dos 170.000 empregos destruídos entre 2008 e 2012, 55.400 foron na industria, é dicir, o 33,16%.

En Galicia, dos 170.000 empregos destruídos entre 2008 e 2012, 55.400 foron na industria, é dicir, o 33,16%

As manifestacións das provincias de Pontevedra e Ourense celebráronse despois de que nun primeiro momento a Xunta Electoral as prohibise. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia autorizou este luns as marchas anulando a denegación de permiso que fora emitida polas subdelegacións do Goberno por considerala "vulneradora do dereito de reunión".

Manifestación na Coruña © CC.OO.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.