Milleiros de persoas saen á rúa coa CIG contra "o saqueo á clase traballadora"

Manifestación da CIG en Vigo © CIG

As sete cidades galegas, ademais da Estrada e Vilagarcía, acolleron este domingo manifestacións convocadas pola CIG contra “o saqueo á clase traballadora”. Milleiros de persoas saíron á rúa en Galicia contra a “estafa” do rescate nunhas concentracións na que a de Vigo foi a máis multitudinaria. En total, e segundo a propia central, sobre 5.000 persoas secundaron a protesta en todo o país.

A CIG denuncia que o rescate á banca facilita ás entidades "pagar os pufos do ladrillo" mentres se aumentan os recortes á sociedade

Na cidade olívica, o secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, censurou as políticas do PP, tanto no Executivo central como na Xunta, e asegurou que o único ao que levan é á precariedade laboral e ao desemprego da sociedade, mentres o rescate á banca facilita que as entidades financeiras poidan pagar “os pufos do ladrillo”. Ademais, e lembrando a denuncia presentada polo sindicato galego e máis ELA, reclamou que a Xustiza actúe contra os causantes da crise económica. Do mesmo xeito, anunciou que seguirá "apelando a outras organizacións sindicais do Estado para que se convoque outra folga xeral antes de que finalice o ano".

Seixo asegura que seguirá "apelando a outros sindicatos" para convocar outra folga xeral no Estado antes de fin de ano

Ademais, Seixo criticou que o Executivo español defenda a soberanía política respecto das nacións do Estado, mentres "non lle importa perder soberanía" fronte a Europa e a "banca alemá". Pola súa banda, na marcha da Coruña, a onde acudiron unhas 1.200 persoas, o candidato do BNG á Xunta, Francisco Jorquera, asegurou que o rescate estase a traducir "nun saqueo ao pobo". "Rajoy di que o rescate á banca non ten ningún tipo de condicións de carácter macroeconómico", lembrou o deputado nacionalista no Congreso, que aclarou que, de ser iso así, emprazaba a Rajoy "a non subir o IVE". 

En Compostela, a onde acudiron unhas 300 persoas, o secretario comarcal da CIG, Anxo Noceda, denunciou que o Executivo "pareza esquecerse" de que hai catro anos xa puxo a disposición dos bancos 150.000 millóns que xa se están a pagar agora. "Imos pagar a débeda dos bancos, polo tanto están convertendo a débeda privada en débeda pública", asegurou. Menres, o secretario xeral da UPG, Néstor Rego, destacou que mentres se "dispón de recursos millonarios para rescatar a banca, estase a recortar en cartos para manter os servizos públicos e os dereitos dos cidadáns".

A CIG lembra que o rescate de até 100.000 millóns solicitado polo Goberno central á UE “suporá a transferencia da débeda dos bancos ao sector público, porque o Fondo de Estabilidade Europeo a quen lle presta os cartos, realmente, é ao FROB”. Segundo a central nacionalista, isto “terá como consecuencia un incremento significativo do déficit e da débeda pública e levará aparellada a exixencia de novas medidas de recorte que empeorarán aínda máis as condicións de vida da clase traballadora, da maioría social, hipotecando, ademais, o futuro da nosa mocidade”.

 

Manifestación da CIG en Vigo © CIG
Manifestación da CIG na Coruña Dominio Público @Ricard31Depor

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.