Milleiros de persoas saen á rúa coa CIG para advertir "do suicidio que suporía votar o PP"

Manifestación da CIG en Vigo © CIG

Milleiros de persoas manifestáronse este xoves nas rúas das sete cidades galegas, ademais de en Foz e en Vilagarcía, contra os recortes aplicados polas políticas do PP e ante unhas eleccións nas que "está en xogo" que se ratifiquen e manteñan estas medidas. Convocados pola CIG, os cidadáns berraron contra os axustes baixo o lema "Paremos o PP. Existen alternativas. Non ao saqueo" e advertiron do "suicidio" que suporía unha nova maioría absoluta dos conservadores.

A CIG asume que a convocatoria previa ao inicio da campaña "non é casual"

Na marcha central, en Vigo, os manifestantes censuraron "o saqueo" do Estado de Benestar que estaría realizando o PP. Segundo a CIG, unhas 50.000 persoas saíron ás rúas en diversas localidades galegas para protestar contra os recortes. O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, deixou claro que a convocatoria da manifestación, a poucas horas da campaña electoral, "non é casual", xa que serve para lembrar o carácter "antisocial" das políticas do PP, que se verían "reforzadas" no caso dunha nova vitoria da dereita.

Seixo xustifica a manifestación pola necesidade de "conciencia a xente de que non cometa o suicidio de votar o PP"

Así, xustificou a convocatoria das marchas pola necesidade de "concienciar a xente de que non cometa o suicidio de votar o PP". Ademais, en canto á denuncia desetimada pola Xunta Provincial de Lugo contra a manifestación da CIG naquela cidade, Seixo cualificou de "curioso" que  un partido que acumula seis sancións "por empregas a instititucións para facer campaña" trate de "cuestionar" que un sindicato "dea a súa opinión sobre o que significa votar o PP". "Semella que só eles teñen dereito a opinar, a gobernar en Galicia, e pretenden taparlle a boca aos demais", insistiu.

A CIG proporá ao resto de sindicatos unha folga xeral para o día 14 de novembro, coincidindo co paro en Portugal

Xa por último, o líder da central nacionalista avanzou que vai suxerir aos demais sindicatos a convocatoria dunha folga xeral o vindeiro 14 de novembro, coincidindo coa que se vai celebrar en Portugal, xa que tanto o país veciño como o Estado español "van polo mesmo camiño". CCOO e UGT, a nivel estatal, xa apuntaron esta data como a máis probable para o paro.

Suso Seixo, secretario xeral da CIG e Serafín Otero, secretario comarcal de Vigo © CIG
Manifestación da CIG en Vigo © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.