Nace Nós, As Mulleres para "apoderar" e "visibilizar" o labor feminino nas cooperativas agroalimentarias

Presentación de Nós, As Mulleres © Agaca

O pasado martes, Compostela acolleu a presentación de Nós, As Mulleres, a Asociación de Mulleres de Cooperativas Agroalimentarias de Galicia. A entidade nace co obxectivo do “desenvolvemento efectivo e integral da muller, das súas capacidades, da súa participación e da promoción da igualdade” no importante movemento cooperativo galego. 

"As mulleres doitan organizar e traballar nunha explotación agraria pero á hora de participar en actividades da cooperativa, delegan en homes"

Impulsado no seo de Agaca (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias), a axente de Igualdade de Xénero neste colectivo, Ruth Rodríguez, explica a Praza.gal como xurdiu a iniciativa. “Levamos moitos anos traballando en visibilizar o papel da muller titular dunha explotación agraria na esfera pública; sacala da esfera privada, onde adoita organizar e traballar pero da que non sae á hora de participar en actividades da cooperativa, ás que non vai e para as que delega no marido ou nun fillo”, relata. 

Nós, As Mulleres nace, segundo di, para “darlles un pulo” a estas mulleres, para servir de “punta de lanza” a partir da cal teñan esa “importantísima e necesaria visibilidade pública”, esa importancia que “si teñen no privado pero que non se traslada fóra”. 

Presentación de Nós, As Mulleres © Agaca

Segundo datos de 2017 do Observatorio Socioeconómico do Cooperativismo Agroalimentario, o 45% de persoas socias de cooperativas agroalimentarias en Galicia son mulleres, sobre un total dunhas 27.800. No entanto, os órganos de administración destas entidades contan só cun 22% de participación feminina

“No noso ámbito, ao igual que noutros sectores, tamén hai teitos de cristal. Coa creación da asociación pretendemos que as mulleres participen nos órganos de dirección das cooperativas e, á súa vez, participe tamén Nós, As Mulleres”, explita Ruth Rodríguez, que aclara que poderán formar parte “mulleres dos órganos de administración ou do cadro de persoal de entidades socias de Agaca, socias designadas de entre o colectivo de mulleres que formen parte das entidades e, en calidade de colaboradoras, persoas xurídicas socias de Agaca e organismos públicos e privados”. 

A nova entidade centrará moito o seu labor en "apoderar" as mulleres e na "conciliación da vida laboral, familiar e persoal e a corresponsabilidade"

Tras unha “moi boa acollida” na presentación, as 40 persoas participantes tiñan a misión de “espallar a nova” de que Nós. As Mulleres está nacendo e impulsar a asociación das representantes das cooperativas que forman parte de Agaca. 

As traballadoras, ademais das directivas, serán “clave”, explica Rodríguez, porque Nos. As Mulleres pretende “traballar moito na conciliación entre vida persoal, laboral e familiar e, por suposto, na corresponsabilidade, porque sen ela conciliar non é posible”. “Queremos xuntar as actuais directivas, con potenciais directivas, socias e traballadoras, sempre apoiadas por técnicas de Agaca especializadas”, insiste. 

Entre as actuacións previstas, hai moitos e en diferentes ámbitos, moitas co obxectivo de “apoderar as mulleres e darlles confianza e competencias”. Así, trataranse habilidades sociais como falar en público ou a aprendizaxe de competencias empresarias básicas de xestión de explotacións, márketing ou finanzas. Tamén formación e capacitación familiar e unha especial atención á “visibilización” e loita contra a violencia de xénero e a discriminación sexual.

“As mulleres deben perder o medo a participar, a decidir, a ser parte da empresa e entrar nos órganos de decisión, neste caso das cooperativas“

O pasado martes, durante a presentación da nova entidade, José Montes, presidente de Agaca, destacou a importancia de traballar para que as “xeracións que veñen non teñan que reivindicar a igualdade de xénero que aquí estamos reivindicando“

Pola súa banda, Dolores Calvo, vogal de Agaca e vicepresidenta de AMCAE convidou as mulleres a “perder o medo a participar, a decidir, a ser parte da empresa e entrar nos órganos de decisión, neste caso das cooperativas“. Mentres que Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta, considerou “fundamental conciliar vida familiar, laboral e tempo de ocio ao que temos dereito, sen sentirse culpable”. 

Entre as accións xa programadas pola asociación atópanse un obradoiro de Apoderamento de mulleres socias de cooperativas con sesións formativas e visitas a cooperativas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.