Naturgy centraliza en Madrid o control da rede eléctrica galega e destrúe 28 empregos na Coruña

Instalacións de Unión Fenosa Distribución, do grupo Naturgy, na Coruña © Google

Naturgy volve prescindir de emprego en Galicia. Unión Fenosa Distribución (UFD), pertencente ao grupo enerxético, trasladará desde o vindeiro mes de setembro a Madrid o Centro de Control Operativo e os 28 profesionais que traballan nel na Coruña, desde onde se vixía o correto funcionamento das liñas eléctricas do país e de parte de León e onde se coordina, tamén, a resposta ante os habituais apagóns, avarías e fallos de subministro, sobre todo no inverno. 

A empresa só lles ofrece aos 28 traballadores a alternativa de trasladarse a Madrid

A compañía comunicou a súa decisión de centralizar este servizo en Madrid o pasado martes aos 28 traballadores do centro coruñés, aos que só ofrece a alternativa de continuar co mesmo labor pero na capital de España, co problema e trastorno que iso implica para as familias afectadas, como destaca o comité de empresa. 

Técnico de Unión Fenosa Distribución © UFD

Ante a indignación amosada polo persoal, non só pola afectación no laboral senón tamén polo que consideran un novo proceso recentralizador da empresa, Naturgy contesta asegurando que, do mesmo xeito que o Centro de Control Operativo deixa A Coruña, as direccións de Medioambiente e Planificación de Rede de UFD para todo o Estado serán trasladadas á cidade desde Madrid. 

A decisión de Naturgy responde a un proceso que leva consolidando desde hai anos. Hai só dúas décadas, contaba con sete centros do tipo do que agora pretende desmantelar na Coruña por toda España, pero a dixitalización dos labores provocou que decidise dar cobertura a toda a súa rede estatal desde un único lugar. 

"O avance das novas tecnoloxías e a dixitalización permite dar cobertura a toda a rede desde un único punto", di Naturgy

"O avance das novas tecnoloxías e a dixitalización permite dar cobertura a toda a rede desde un único punto", destaca a empresa. Ademais, a empresa argumenta que "na actualidade hai outros servizos que a compañía dá ao resto de España desde Galicia, como é o caso do Centro de Control Integrado de Infraestruturas Hidráulicas".

No centro de Coruña afectado traballan nesta altura arredor de 120 persoas, que quedarían en pouco máis de 90 co traslado do Centro de Control Operativo.

Precisamente, o grupo Naturgy informou este xoves que rexistrou unhas perdas de 247 milóns en 2020, fronte as ganancias de  máis de 1.400 do exercicio anterior, logo dunha deterioración de 1.363 millóns por unha revisión na valoración de activos. De todas formas, e sen contar con ese impacto, a eléctrica tería obtido un beneficio neto de 872 millóns, un 36,7% menos que en 2019. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.