Navantia desbota o dique flotante e incendia o seu persoal

Un intre da manifestación en Ferrol © @Enjaretado

"Ou dique ou carga de traballo, ou carga de traballo ou dique". Esta promesa, con máis ou menos variacións na súa formulación, foi repetida ata a saciedade durante a campaña das eleccións autonómicas do 21 de outubro, tamén durante a dos comicios xerais de 2011. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pero tamén Mariano Rajoy e outros responsables conservadores comprometéronse a sacar do esquecemento o naval ferrolán para, aseguraban, emendar os erros do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero. O persoal de Navantia reclama uns encargos que non dan chegado e, aínda que o incerto contrato con Pemex para construír un buque hotel chegase a realizarse, este non sería suficiente. Os representantes dos traballadores e traballadoras piden que as promesas, tamén a do dique flotante, pasen das palabras aos feitos, pero este xoves recibían un novo mazazo: o presidente da empresa pública desbota a construción da infraestrutura.

Na xornada en que uns 3.000 integrantes do plantel de Navantia saían de novo ás rúas de Ferrol na defensa dos seus postos de traballo o máximo responsable da compañía, José Manuel Revuelta, deixaba claro en declaracións ao diario ABC que, dende o seu punto de vista, "nas circunstancias actuais dos mercados o dique non é viable". "As circunstancias poden cambiar, pero agora mesmo non é viable", sentenza o alto cargo, alimentando aínda máis o incendio provocado hai tan só tres días, cando o comisario europeo da Competencia, Joaquín Almunia, confirmaba que as negociacións do Estado coa UE para a construción do dique non pasaron do plano "informal". "O proxecto non se notificou formalmente á Comisión para a súa avaliación", sinalou Almunia en resposta a unha pregunta do eurodeputado socialista Antolín Sánchez Presedo.

O presidente de Navantia sentenza que o dique flotante prometido polo PP "non é viable"

Neste punto e co naval nas rúas por enésima ocasión, ao presidente da Xunta formulábaselle este xoves de novo unha pregunta sobre o futuro de Navantia Ferrol e do prometidísimo dique. Malia ás verbas de Revuelta, Feijóo coida que "non hai moitas novidades". Sobre a resposta de Almunia o presidente sinala que a propia Sociedad Española de Participaciones Industriales (SEPI) "informou de que a consulta formulada" á Comisión Europea "era con carácter exploratorio, non oficial" porque "cre que se non se explora previamente, a resposta pode ser prohibir a construción do dique". Segundo o xefe do Goberno galego séguese "falando" do dique e, ao tempo, "os responsables de Navantia" teñen que "xestionar e traer pedidos" porque "para iso cobran soldos públicos" e polo momento as súas xestións foron "francamente escasas, por non dicir nulas".

A faciana de Feijóo foi, precisamente, unha das reproducidas polo persoal de Navantia na protesta de Ferrol en caretas nas que tamén figuraba o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro. "Onde está, non se ve, o flotel do PP!", clamou a multitude. Para o voceiro do comité de empresa, Ignacio Naveiras, a actitude dos responsables dos gobernos galego e central e da propia Navantia está a ser "impresentable" e, cando menos, deberan dicir "que pretenden para Navantia", toda vez que o PP "asegurou carga de traballo e futuro inmediato". "Terán que dicir se enganaron", afirma, nun contexto no que a propia dirección da empresa mesmo provoca que algúns encargos "non vaian en condicións" para despois "botárlles a culpa aos traballadores".

Corte simbólico de chapa nunha protesta do naval ferrolán © @BeatrizSestayoD

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.