Nin o verán frea a caída libre dos aeroportos galegos

Aeroporto de Lavacolla © Aena Aeropuertos

A materia dos aeroportos é unha das que lle quedan "suspensas" na lexislatura que remata. O presidente da Xunta e candidato á reelección polo PP, Alberto Núñez Feijóo, realizaba o pasado luns un fugaz exame de conciencia para admitir, nun almorzo informativo, que os seus plans para coordinar e facer medrar o minifundio aéreo nin sequera comezaron a concretarse nestes tres anos. A "Galicia global" e o "destino único" morreron, como tantos outros plans, na caldeirada do localismo aderezada por diversas convocatorias electorais. Coa nova terminal de Compostela inaugurada hai menos dun ano séguese a investir en ampliar e mellorar as da Coruña e Vigo. Pero ningunha destas operacións serviu para incrementar e nin sequera para manter un dos indicadores esenciais, o do número de viaxeiros, ata o punto de que o verán que remata se está a revelar como un notable fracaso en Lavacolla, Alvedro e Peinador.

Tomando como referencia o período comprendido entre os meses de xuño e agosto as estatísticas oficiais de Aena Aeropuertos non deixan lugar a dúbidas. Os tres aeroportos caen e fano a un ritmo semellante, dando lugar a que, en termos globais, aterrasen ou despegasen en Galicia case 120.000 persoas menos que no mesmo período de 2011. É, concretamente, unha caída de 119.403 pasaxeiros que evidencia o picazo da política aeroportuaria na temporada alta por excelencia, deixando os 1.291.270 viaxeiros e viaxeiras de hai un ano en 1.171.867.

Se ben en termos interanuais os tres aeroportos caen e o fan de forma notable a evolución entre os devanditos meses de verán é diferente en función do aeroporto. Así, Santiago rematou xuño movendo 199.401 persoas e culminou agosto con 245.564, un incremento que non impide, así e todo, que no mes vacacional por excelencia deixe polo camiño un 8% a respecto do ano anterior. Fronte ao caso compostelán, en Vigo o ascenso foi máis tímido, pasando de 82.331 en xuño a 88.115 en agosto. Pola contra, A Coruña tivo en xullo o seu mellor mes do verán; comezou con 78.310 pasaxeiros en xuño, chegou aos 85.015 en xullo e caeu ata os 77.871 en agosto, un 10,2% menos que doce meses antes.

Só no mes de xullo o Sá Carneiro do Porto moveu máis de 600.000 persoas

Se estas cifras son preocupantes en si mesmas sono aínda máis ao seren comparadas co que é o máis inmediato competidor dos tres aeroportos galegos, o Sá Carneiro do Porto. Mentres que A Coruña, Santiago e Vigo suman en tres meses de verán algo máis dun millón de viaxeiros tan só no mes de xullo -último dato dispoñible- Aeroportos de Portugal cuantificou que voaron na terminal portuense un total de 636.578 persoas, un 1,6% máis que no mesmo mes do ano anterior.

Avión estacionado no aeroporto da Coruña © Aena Aeropuertos
Terminal aeroportuaria de Vigo © Aena Aeropuertos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.