Novagalicia Banco non recorrerá a sentenza polas preferentes e aposta pola arbitraxe

José María Castellano e César González-Bueno, na rolda de prensa CC-BY-SA Praza Pública

O presidente de Novagalicia Banco, José María Castellano, recoñeceu este luns que a reputación da súa entidade “está nos seus peores momentos” e, malia que negou “un problema de liquidez”, asegurou que está “nun círculo vicioso” do que, no entanto, considera que vai “saír”.

De feito, Castellano, nunha entrevista na Cadena Ser, advirte que NCG Banco ten “todo o futuro” e que “será rendible economicamente moi pronto”, ademais de queixarse de que as caixas “foron demasiado demonizadas”. “Agora todo parece que se fixo mal”, aclarou, tras asumir que “non se pode aplicar o modelo de banca do pasado” no futuro da entidade galega. “Somos rendibles, por iso hai tantos que nos queren comprar”, dixo.

"Queremos arranxar o das preferentes; se é hoxe, mellor que mañá; non recorreremos a sentenza"

Castellano rexeitou a liquidación de Novagalicia Banco porque “é o peor e o máis custoso” e tamén a subasta, xa que “non é a mellor maneira de defender os cartos públicos, que son de todos”. Nunha entrevista na que o presidente executivo da entidade amosou a súa cara máis amable, recoñeceu tamén que a sentenza adiantada polos medios sobre as preferentes da entidade, na que se lle ordena devolver o diñeiro a un afectado galego, “non é a primeira”.

Así, o presidente executivo anunciou que acatarán a sentenza e non a recorrerán. “Temos interese en devolver os cartos e non recorreremos”, dixo Castellano, que insistiu en que a entidade “quere arranxar o problema das preferentes e se puidese ser hoxe, mellor que mañá”. “Porque afecta a reputación da entidade, que non está nos seus mellores momentos, senón nos peores”, insistiu.

“Os empregados das caixas crían tanto nas preferentes que as mercaron eles e os seus familiares”

Así, recoñeceu que a arbitraxe “é un camiño que nos permitiría resolver o problema dun grupo importante de afectados”, aínda que advertiu que “non todos foron enganados”. “Os empregados das caixas crían tanto nas preferentes que as mercaron eles e os seus familiares”, chegou a dicir Castellano, que asume tamén que “a outra solución, a xudicial”, non será rápida, “senón lenta”.

Repecto ás malas prácticas do pasado nas caixas galegas, Castellano asegura que “se cometeron moitos erros e moitos excesos”. “Eran épocas de exhuberancia, dun crecemento nunca visto; vivimoso todos moi por riba das nosas posibilidades e non só che daban un crédito para un piso, senón que che incluían os mobles, o coche e as vacacións”, criticou o presidente de NCG Banco.

“Vivimos nunha época moi difícil, de moito cambio en pouco tempo e cun tsunami que se nos vén enriba, pero este país sairá adiante”, rematou.

José María Castellano e César González-Bueno, na rolda de prensa CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.