Novagalicia pechou 2012 con case 8.000 millóns de perdas

Oficina de Novagalicia Banco CC-BY-SA Merixo

Novagalicia pechou o ano 2012 cunhas perdas de case 8.000 millóns de euros (7.937), unha cifra que vai de acordo co agardado no plan de reestruturación da entidade nacionalizada, que destaca que achegou 8.224 millóns a provisións e saneamentos para cubrir perdas durante o pasado exercicio, incluíndo tamén as provisións por enaxenación de activos ao Sareb ou banco malo.

Os resultados foran xa adiantados, tanto no acordo asinado coa UE para a súa recapitalización como aos sindicatos en diversas negociacións, e segundo a entidade "marcan o máximo saneamento de activos realizados por NCG Banco para encarar o plan de reestruturación e recapitalización".

As perdas por deterioro de activos financeiros situáronse nos 6.021,4 millóns de euros, que é o que se desprende das cifras da conta de perdas e ganancias do banco. Ademais, o grupo reduciu en 2012 un 40% os seus activos ponderados por risco, debido sobre todo á transferencia de activos á Sareb, á redución de investimento crediticio en grandes corporacións e no sector inmobiliario e na desconsolidación do Banco Gallego. O crédito a clientes situouse en case 31.000 millóns de euros, cunha redución de perto de 18.000.

Novagalicia rematou 2012 cun cadro de persoal de 5.705 empregados na matriz e unha rede de 844 oficinas, pero desde 2010 o axuste entre os traballadores levou por diante 2.011 persoas e 528 oficinas. No pasado ano, pecháronse 212 oficinas, 161 delas en Galicia.

Castellano e César González-Bueno, dirixentes de Novagalicia CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.