Nove de cada dez fogares galegos non poden afrontar gastos imprevistos

As rebaixas non melloran as expectativas nos fogares galegos CC-BY-NC-SA Septem Trionis

A diferenza entre a macroeconomía e a economía real adoita ser un dos principais elementos a ter en conta ao analizar o impacto da crise. Nos últimos tempos dende os gobernos español e galego insístese en instar a cidadanía a observar unha suposta "luz ao final do túnel", substituta dialéctica dos agora impopulares xermolos verdes. Neste contexto, a mesma Xunta que deu en asegurar que o impacto da crise sería menor en territorio galego afánase en prognosticar que o país será o primeiro en saír aínda que as previsións do seu plan económico estrela estean lonxe de ser unha realidade. Previsións económicas é, precisamente, o que é imposible realizar en máis de nove de cada dez fogares galegos.

A enquisa conxuntural a fogares que realiza o Instituto Galego de Estatísticas (IGE) ofrece cada trimestre unha radiografía desa economía real sobre a que a crise segue a impactar. Co ano 2013 acabado de rematar os datos din que só o 3,53% dos fogares do país prevén poder "facer fronte a imprevistos ou a grandes compras" durante os próximos tres meses, un dato que é relevante en si mesmo pero que o é máis observado con perspectiva, toda vez que é o terceiro peor dos últimos tres anos.

É o terceiro peor dato dos últimos tres anos

Unha ollada retrospectiva ás bases de datos do IGE permite observar que, habitualmente, este indicador sofre notables variacións en función dos trimestres, sendo máis as familias que se ven capaces de afrontar imprevistos a comezos do ano e moitas menos as que o fan ao remate. Así, por exemplo, dende 2010 ata a actualidade o valor mínimo produciuse no cuarto trimestre de 2011, cando só no 2% dos fogares consideraban viable afrontar un imprevisto económico inmedito. No entanto, o máximo chegaba tan só dous trimestres despois, no segundo de 2012. Nese momento, o 18,39% das familias víanse en condicións de afrontar un episodio deste tipo. Pero a tendencia mudou o ano pasado.

En 2013 non se produciu ningunha suba relevante do indicador, ao contrario do que viña acontecendo

O 2012 remataba con este índice no 5,12% e no primeiro trimestre de 2013 acadou o 7,47%. Lonxe dunha suba espectacular, no segundo trimestre o valor incrementou en pouco máis de trinta décimas, ata o 7,81%, e dende aí iniciou a caída ao 4,15% e, posteriormente, ata o escenario no que menos do 96% dos fogares consideran que non poden facer fronte a estes imprevistos.

Estas cifras prodúcense nun contexto no que, non obstante, si son máis que hai un ano os fogares nos que se contempla a posibilidade de "aforrar algo de cartos", algo que acontece no 33,7% dos casos fronte ao 29,5% de finais de 2012. Na banda contraria sitúase a tendencia das familias que, ás portas das rebaixas de xaneiro, coidaban que ían poder "facer algunha compra extraordinaria en roupa ou calzado". No remate de 2012 eran o 18,03% e agora son o 17,57%. Tamén son menos os fogares nos que se fará "algún extra en produtos de alimentación", hai un ano eran case o 50% e agora o 60% cre que iso non vai ser posible, cando menos, nos vindeiros tres meses.

As rebaixas non melloran as expectativas nos fogares galegos CC-BY-NC-SA Septem Trionis

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.