Novo pau para os gandeiros galegos. O Consello da Comisión Nacional da Competencia (CNC) vén de asegurar que "non é admisible incluír no Proxecto de Lei da Cadea Alimentaria un mecanismo de fixación de prezos mínimos, nin calquera outra medida que o pretenda de forma directa ou indirecta". Así responde o CNC a través dun informe non vinculante que se fixo público este xoves e que foi solicitado hai un mes polo Ministerio de Agricultura.
O informe de Competencia bota por terra o compromiso arrancado polos sindicatos á Xunta no pasado decembro
Esta reivindicación, a de "garantir que todas as partes da cadea obteñan un beneficio que cubra os seus custos de produción", foi un dos compromisos que os sindicatos gandeiros arrancaron da Xunta o pasado 7 de decembro e logo dunha folga de entregas de leite que denunciaba a situación desesperada de milleiros de produtores no país. Daquela, o Goberno galego, e o propio Feijóo, prometera defender ante o Estado a necesidade de que a futura lei do sector impedise claramente á industria e á distribución exercer prácticas que obriguen a vender por baixo dos prezos de custo. Agora, e malia que o informe do CNC non é vinculante, as esperanzas son moito menores.
O devandito informe considera que "calcular un custo estándar que se aplique como prezo mínimo" do leite é "un claro mecanismo de intervención na dinámica de formación de prezos do sector agrario" e advirte de que "reduciría sensible e directamente a competencia entre produtores". "As propostas resultan problemáticas para o mantemento da competencia efectiva", insiste.
Competencia cre que aplicar un prezo mínimo é "un claro mecanismo de intervención" que "afectaría á competencia entre produtores"
As tres medidas que pretendía incluír o Goberno central na futura lei da cadea alimentaria consisten na definición do "custo de produción primaria" como o valor estatístico de referencia, incorporar na norma a obrigatoriedade de que o prezo "non poida ser inferior ao custo de produción primaria vixente", así como atribuír ao Observatorio da Cadea Alimentaria a función de "fixar os custos de produción primaria nos casos nos que se detecten indicios de abuso de posición dominante". As tres propostas son consideradas "problemáticas" e "contrarias á competencia" por parte do CNC.
Segundo di o informe, aplicar estas medidas provocaría varios problemas, como "a uniformidade de precios" que, ao operar como prezo focal, "desincentivaría a competencia". Ademais, cre que o exercicio de determinación dos custos podería "estar considerando os custos de empresas ineficientes no devandito cómputo". "Non queda claro quen é a autoridade competente que terá que elaborar o custo de produción primaria", di o CNC, que tamén advirte de que establecer que o importe non poderá ser inferior ao custo de produción implicaría "introducir un solo de prezos ou prezo mínimo".
Ademais, segundo explica, a atribución ao Observatorio da Cadea Alimentaria a facultade de fixar o custo de produción cando existan indicios de abuso de posición dominante "non é compatible coa normativa europea e española da competencia".
"Os mecanismos de fixación de prezos mínimos non son admisibles e van contra a Constitución e as normativas de competencia españolas e da UE", di
En resumo, o CNC cre que os mecanismos de fixación de prezos mínimos, de maneira directa ou indirecta, "non son admisibles desde un punto de vista da eficiencia nos mercados e a garantía da competencia efectiva". "Tampouco encaixan coa liberdade de empresa consagrada no artigo 38 da Constitución, nin coa normativa comunitaria nin estatal da competencia", insiste, tras advertir de que aplicar estes mecansimos "empeorarían o funcionamento da cadea alimentaria e terían inevitablemente un efecto negativo sobre os consumidores vía prezos, calidade e variedade de produtos, tanto a curto como a medio e longo prazo".
Por último, para a CNC, estas medidas de "restricción da competencia" non están xustificadas "nin na súa necesidade nin na súa proporcionalidade". Ademais, na súa conclusión a Comisión é clara e insiste que "valora negativamente" as medidas pretendidas polo Ministerio de Agricultura porque "supón incluír no proxecto un mecanismo de fixación de prezos mínimos". Ao tempo, advirte de que a súa vaoración débese estender "a calquera outra medida que se medite coa mesma finalidade de dfixar directa ou indirectamente prezos mínimos", remata.