O Instituto Galego de Estatística (IGE) publicou este venres os datos da súa enquisa conxuntural aos fogares correspondentes ao segundo trimestre do ano. Os datos amosan que o 11,71 por cento dos fogares galegos chegan "con moitas dificultades a final de mes", fronte ao 6,50 por cento do trimestre anterior; outro 41% afirma chegar "con dificultades".
Descende o Indicador de confianza do consumidor, que pasa de 29 puntos negativos a 32 puntos negativos
De igual xeito, descende o Indicador de confianza do consumidor, que pasa de 29 puntos negativos a 32 puntos negativos. Empeoran tanto as perspectivas de evolución da situación financeira persoal (catro puntos menos), a capacidade futura de aforro (outros catro puntos), as perspectivas de evolución da situación económica de Galicia (dous puntos menos) e tamén a perspectiva de evolución do desemprego (cinco puntos menos). O Indicador de sentimento do consumidor empeora sete puntos, até chegar a 27,71 puntos negativos. E neste caso tamén descenden todas as súas compoñentes.
Cada vez son máis os fogares que decidiron tomar algunha medida para diminuír os seus gastos ou incrementar os seus ingresos. Así, o 37% afirman que diminuíron os "outros gastos comúns, como roupa e calzado, transporte..., agás alimentación" e un 9% recoñece que recibiron "axuda económica de familiares ou amizades" e tamén aumentan as persoas que din que o van facer no futuro.
A enquisa tamén revela datos positivos, pois aumenta a porcentaxe de fogares que se permitiron "extras" nos últimos tres meses
Porén, a enquisa tamén revela datos positivos, pois aumenta a porcentaxe de fogares que se permitiron "extras" nos últimos tres meses, tanto no que se refire a realizar viaxes, coma a saír a cear fóra, coma a realizar compras non previstas de roupa e calzado, ou de alimentación.