O 1º de Maio aviva a mobilización contra a reforma laboral

A manifestación da CIG en Compostela finalizou en Praterías Dominio Público Praza Pública

Este primeiro de maio presumíase singular, apenas un mes despois da exitosa folga xeral do 29M e nun contexto de mobilización sindical contra o desemprego, a reforma laboral do Goberno de Rajoy e os recortes nos servizos sociais. E, efectivamente, as manifestacións convocadas polos sindicatos rexistraron cifras de participación máis elevadas que en anos anteriores.

Foron diferentes as mensaxes lanzadas por cada sindicato. CC.OO. e UGT reclamáronlle ao Goberno que abra un proceso de negociación "para cambiar a fondo" a reforma, mentres que a CIG chamou a unha folga xeral na primeira quincena de xuño.

As centrais sindicais marcharon por separado, CC.OO e UGT por unha banda, e a CIG pola outra, ademais doutras manifestacións convocadas por CUT, CGT ou CNT. E tamén foron diferentes as mensaxes lanzadas nos discursos finais, a cargo dos dirixentes de cada sindicato. CC.OO. e UGT reclamáronlle ao Goberno que abra un proceso de negociación "para cambiar a fondo" a reforma, mentres que a CIG chamou a unha folga xeral na primeira quincena de xuño. As manifestacións serviron ademais para chamar a outras mobilizacións sectoriais, coma a manifestación en defensa do naval, convocada para o 12 de maio. Ou a folga convocada o 10 de maio no ensino medio e universitario.

Os lemas máis coreados nas manifestacións convocadas conxuntamente por CC.OO. e UGT, e os temas centrais dos discursos dos seus secretarios xerais, xiraron ao redor da reforma laboral e o desemprego ("Máis emprego, menos precariedade" ou "Traballo, dereitos, dignidade") e dos recortes nos servizos sociais ("Servizos públicos de calidade", "Pola igualdade e os dereitos sociais", "Máis investimento e menos recortes" ou "As políticas sociais e a igualdade son principios e dereitos irrenunciables"). As marchas de ambos os dous sindicatos xuntaron decenas de milleiros de persoas en toda Galicia (125 mil segundo os convocantes), sendo as máis numerosas as de Vigo (50 mil persoas) e A Coruña (30 mil), cifras rebaixadas á metade pola policía local. 

José Antonio Gómez, máximo responsable de UGT en Galicia, advertiu de que se o Goberno "non rectifica e non abre vías de negociación social", a mobilización "vai ser permanente"

José Antonio Gómez, máximo responsable de UGT en Galicia, fixo unha "valoración moi positiva" da resposta cidadá nas manifestacións e advertiu de que se o Goberno "non rectifica e non abre vías de negociación social", a mobilización "vai ser permanente". "A desigualdade e situación de emerxencia social é cada vez maior en Galicia, polo que a conflitividade social irá en aumento; a resposta a cada agresión será a mobilización", engadiu en declaracións a Praza. Mentres, José Manuel Sánchez Aguión, secretario xeral de CC.OO.-Galicia, defendeu que "hai alternativas para a maioría social" e denunciou que "pretenden aproveitar esta crise para desmontar o modelo social", logo de destacar unha vez máis "o rexeitamento claro da cidadanía galega ás políticas de dereitas aplicadas polo PP". 

A CIG, que ao igual que os outros dous sindicatos maioritarios, convocou a súa marcha central na Coruña, reuniu igualmente milleiros de manifestantes nas súas convocatorias; por exemplo, na da cidade herculina a central nacionalista cifrou en dez mil persoas a participación, unha cifra que a policía rebaixou a tres mil. Alí, Suso Seixo anunciou a convocatoria dunha nova folga xeral para a primeira quincena de xuño, anticipándose, como sucedera nos paros do 29 de marzo, á decisión que poidan adoptar CC.OO. e UGT. 

Os lemas máis coreados na marcha da CIG foron "folga, folga, folga xeral, contra o Goberno e contra o capital" e "gaña a patronal co pacto social"

Respecto a esa convocatoria de folga e á posibilidade de unión sindical, Suso Seixo foi claro en declaracións a Praza. "O importante non son as manifestacións conxuntas, senón coincidir na necesidade da folga", advertiu, ademais de insistir en que "a unidade sindical non se consegue nas mobilizacións, senón no día a día nos centros de traballo". "O importante é ter un mesmo enfoque, ou cando menos semellante, sobre a saída que se lle debe dar á crise, e facer un plantexamento claro de que este modelo económico e social non serve á clase traballadora", engadiu o secretario xeral da CIG, que cre que "aparentar unidade nunha manifestación se no día a día non estamos de acordo sería enganar a xente".

A resposta dos dous sindicatos estatais tampouco deixou lugar a dúbidas. O líder de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, considera "precipitada" a convocatoria de folga, xa que, na súa opinión, "aínda está por xestionar a marabillosa resposta da cidadanía ao último paro". "Sen descartar nada, hai outras moitas formas de mobilizarse e o indispensable e necesario sería facelo mediante unha unidade de acción", reclama, tras criticar a "contradición" que ao seu parecer sofre a CIG ao pedir unha folga xeral conxunta e non manifestarse xunto aos outros sindicatos. Sánchez Aguión, líder de CC.OO.-Galicia, coincide no diagnóstico e insiste no "precipitado" da convocatoria da central nacionalista. 

A CIG cre que "a unidade de acción non se consegue nas manifestacións, senón no día a día dos centros de traballo"

Na marcha da CIG, co lema Polo emprego digno, non á reforma laboral do PP, criticáronse igualmente os pactos sociais aos que chegaron outros sindicatos, e chamou aos traballadores a "parar a dereita". Así mesmo, reclamou "competencias e soberanía para Galicia" para "facer política social". Os lemas máis coreados foron "folga, folga, folga xeral, contra o Goberno e contra o capital" e "gaña a patronal co pacto social" nunha marcha que volveu demostrar o crecente poder de convocatoria da CIG na Coruña. "Nunca foi praza fácil para nós pola fortaleza dos sindicalismo español, pero cada vez temos máis introdución social e cada vez máis traballadores ven na CIG unha forma diferente de facer sindicalismo", destacou Suso Seixo, secretario xeral da central.  

Para o líder da CIG, a manifestación do Primeiro Maio non será nin moito menos a última nestes tempos. "Se as políticas non se deteñen a través da presión social, imos cara a unha conflitividade maior que non sabemos onde vai acabar", advirte, tras insistir en que "sen mobilización non haberá cambio de políticas" porque "quen as aplica estase beneficiando delas". "Desde a CIG pretendemos liderar este rexeitamento, tomar a iniciativa e ser a ferramenta da clase traballadora para tirar abaixo as medidas antisociais", rematou. 

Por outra banda, máis de mil persoas se manifestaron en Vigo convocadas por CUT, CNT, CGT e STEG. De igual xeito, na Coruña varios centos de persoas acudiron á convocatoria conxunta da CGT e da CUT. 

En Vigo as manifestacións inzáronse de paraugas, por mor dunha chuvia que só respectou o final das marchas Dominio Público Praza Pública
CC.OO. e UGT xuntaron máis de vinte mil persoas na Coruña Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.