O 45% dos asalariados galegos gaña menos de 1.400 euros brutos

Evolución do salario medio en Galicia e España (2006-13) Dominio Público Praza Pública

Os salarios en Galicia levan dous anos á baixa, caendo un 1,7% dende o 2012 e acumulando un descenso do 3,25% dende 2011. O soldo bruto medio sitúase nos 1.728,73 euros en Galicia (por debaixo mesmo do do 2009, 1.735 euros), 140 euros por debaixo do soldo medio no conxunto de España (1.869,11 euros). Os datos da EPA publicados polo INE amosan que os salarios en Galicia só superan aos de Murcia, Estremadura, Canarias e Andalucía.

Gañar un soldo, mesmo cun traballo de xornada completa, non garante ingresos elevados. O 45% dos asalariados e asalariadas galegas percibe menos de 1.411,8 euros brutos mensuais, menos de 17 mil euros ao ano. Falamos de ingresos brutos, en 12 pagas, sen cotizacións nin impostos, polo que esa cantidade pode quedar nuns mil euros netos mensuais.

Un 31% gaña menos de 1217 euros brutos cada mes polo seu traballo e un 19% dos traballadores e traballadoras galegas que perciben un soldo gaña menos de 983 euros brutos mensuais, pouco máis de 600 euros netos. Dentro deste grupo están moitos dos que teñen un traballo a tempo parcial, que xa representan un 14,4% dos asalariados galegos, un número crecente dende o 2009, cando eran o 11%. Porén, tamén atopamos moitos contratados e contratadas a tempo completo que perciben menos de mil euros brutos.

  2006 2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013
Galicia 1.493,68 1.591,58 1.685,72 1.734,79 1.722,46 1.786,88 1.758,04 1.728,73
España 1.572,59 1.643,46 1.774,34 1.815,18 1.838,82 1.841,75 1.850,26 1.869,11

Evolución do salario medio en Galicia e España (2006-2013). Fonte: EPA 

Evolución do salario medio en Galicia e España (2006-13) Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.