O 70% da poboación galega vive en 57 concellos

Vista parcial de Vigo, o concello máis poboado do país © Turismo de Vigo

O asentamento da poboación no rural e o equilibrio socioeconómico entre o interior e o litoral é unha das materias pendentes do Goberno galego dende a súa propia creación, hai máis de trinta anos. O plan de reequilibrio territorial do Goberno de coalición de PSdeG e BNG ou os plans Impulsa Lugo e Impulsa Ourense, do actual Executivo, presentáronse como ferramentas para loitar contra esa Galicia "das dúas velocidades" e, en última instancia, frear a tendencia pola cal cada vez máis xente vive en menos territorio mentres os pequenos e medianos concellos van ficando despoboados. As cifras din que, cando menos polo momento, estes proxectos tiveron escasos resultados, ata o punto de que case o 70% da poboación do país vive en menos de 60 concellos.

Ao remate do ano 2013, segundo datos do INE, había en Galicia 57 concellos con máis de 10.000 habitantes, un menos que dez anos atrás, no ano 2003. Neses 57 concellos, que representan menos do 20% do total -o INE realiza os seus cálculos sobre 315, obviando a fusión de Oza dos Ríos e Cesuras-, residen 1,9 millóns de persoas, o que supón máis do 69% dos 2,8 millóns de mulleres e homes con residencia en Galicia. Estas cifras supoñen profundar na tendencia da concentración da poboación nos grandes núcleos, toda vez que hai 10 anos estes concellos de máis de 10.000 habitantes acollían o 67% da poboación, que na altura supoñián 1,8 millóns de persoas.

  Concellos Habitantes
  2003 2013 2003 2013
Menos de 101 0 0 0 0
de 101 a 500 1 3 237 1.088
De 501 a 1.000 13 22 9.886 17.109
de 1.001 a 2.000 68 77 104.781 113.496
De 2.001 a 5.000 110 100 353.521 322.429
De 5.001 a 10.000 65 56 427.927 383.346
de 10.001 a 20.000 36 35 485.098 498.202
De 20.001 a 50.000 15 15 383.447 431.358
De 50.001 a 100.000 4 4 340.254 348.968
de 100.001 a 500.000 3 3 645.943 649.944

Os maiores municipios sumaron case 50.000 persoas aos seus padróns dende 2003

Nun escenario de crise demográfica evidente para o país, estes grandes concellos gañaron poboación nos últimos 10 anos. Así, os municipios de entre 10.000 e 20.000 habitantes sumaron unhas 13.000 persoas, e os de entre 20.000 e 50.000, arredor de 48.000. Ás cidades que se moven entre os 50.000 e os 10.000 habitantes chegaron case 9.000 residentes máis e aos maiores concellos do país -Vigo, A Coruña e Ourense- engrosaron o seu padrón municipal cunhas 3.000 inscricións máis.

Os concellos de menos de 1.000 habitantes pasaron de 14 a 25 nunha década

No polo oposto dos grandes núcleos están os de menor poboación, que medraron en número na última década de 14 a 25. Así, mentres que en 2003 só había un concello con menos de 500 habitantes agora xa hai tres e os de entre 500 e 1.000 habitantes pasaron de 13 a 22. Tamén medrou o número de municipios con entre 1.000 e 2.000 habitantes, de 68 a 77. Este medre foi en detrimento das vilas medias, nas que viven entre 2.000 e 10.000 persoas; hai 10 anos eran 175 e agora son 156, cun padrón municipal que se reduciu case un 10%, de 781.000 a 705.000 habitantes.

Casas en Negueira de Muñiz, o concello con menos poboación de Galicia © Turgalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.