O 93% dos concellos galegos perderán competencias de aplicarse o plan da FEMP

Dominio Público Praza Pública

Nin falar de suprimir deputacións. Máis ben todo o contrario. A Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) propón que estes organismos aumenten as súas competencias para asumir algunhas daqueles concellos que carezan de medios para prestar servizos e que conten con menos de 20.000 habitantes.

De aprobarse a proposta, o 93% dos concellos galegos perderían competencias en favor das deputacións. En concreto, 293 dos 315 municipios do país veríanse afectados por esta medida ao ter menos de 20.000  habitantes, polo que tan só 22 deles prestarían os mesmos servizos que prestan na actualidade. O obxectivo, segundo a FEMP, é que as devanditas deputacións suplan os municipios “só en aquelas competencias que non poidan ser exercidas por eles mesmos”.

A FEMP defende "a supervivencia dos concellos como institucións políticas" e considera "insuficiente" o papel das deputacións

Nun informe que vén de facerse público, a FEMP non só non avoga pola fusión de municipios, senón que aclara que defende a supervivencia dos concellos como institucións políticas, aínda que constempla que os de menor tamaño “poidan perder a súa estrutura administrativa para que sexan outras entidades as que a asuman”. “A gran diversidade da tipoloxía municipal non debe considerarse como algo negativo, senón como un reflexo da realidade que suprimindo concellos non vai cambiar porque os asentamentos de poboación seguirán sendo os mesmos”, asegura o documento, que considera “insuficiente” a definición do papel das deputacións, dos cabildos e dos consellos insulares, “o que lles impediu desenvolverse como institucións complementarias dos municipios”.

O informe da FEMP pretende contribuír á idea do Goberno central, que traballa desde hai meses na reordenación das administracións públicas para “cumprir o principio de 'unha administración, unha competencia”. Así, pide “un pacto político” polo que Estado e autonomías se comprometan a cumprir a lexislación na que se determine a autonomía, as competencias e o financiamento dos concellos e as entidades locais.

"A supresión dos municipios non modifica a realidade do país; os asentamentos de poboación seguirán sendo os mesmos"

A proposta da FEMP vai na liña dos plans que o Goberno acaba de enviar á UE para a reforma da Administración Pública e na que xa se fala de quitar competencias na prestación de servizos públicos a pequenos concellos para controlar mellor o gasto e asegurar o cumprimento do déficit público. No entanto, a idea de suprimir e fusionar concellos non entra nos plans da FEMP, malia que a Xunta, modelo seguido por Rajoy nas medidas de axuste, apostou por ela promovendo unha unión entre os concellos de Oza dos Ríos e Cesuras da que nada se sabe tras os anuncios iniciais.

A aposta da FEMP é clara. “A supresión de municipios non modifica a realidade do país; os asentamentos de poboación seguirán sendo os mesmos, teñan ou non a consideración xurídica de municipios, e as dificultades que iso entraña para a prestación de servizos aos que todos os cidadáns teñen dereito, tamén”, di, apostando por ceder competencias locais a entes maiores en lugar de asumilas conxuntamente entre varios concellos.

Ademais, a FEMP pretende tamén establecer con claridade as materias sobre as que os concellos deben exercer as súas potestades, evitando así duplicidades e gastos superfluos. Para logralo, ofrece un listado de 24 competencias que deberían ser exclusivas dos concellos, aínda que unha lei sectorial estatal ou autonómica podería modular ou incrementar esta listaxe.

Nesta lista inclúese urbanismo, medio ambiente, abastecemento de auga potable, infraestruturas viarias, benestar e asistencia social primaria, seguridade e policía local, protección civil, tráfico, transporte de mercadorías, políticas activas de emprego, promoción turística ou o padrón municipal. Ademais, a FEMP aclara que na listaxe non se inclúen actividades e servizos que os concellos realizan “por imposición legal, pero sobre os que non exercen potestades, como o mantemento ou conservación dos colexios públicos ou a dotación de medios materiais aos xulgados de paz”.

Poboación dos concellos galegos (IGE)
  Número de concellos Habitantes
Total 315 2,8 millóns
Até 2.000 habitantes 94 125.000
2.001 a 5.000 habitantes 106 345.000
5.001 a 10.000 habitantes 58 400.000
10.001 a 20.000 habitantes 35 500.000
20.001 a 50.000 habitantes 15 427.000
50.001 a 100.000 habitantes 4 348.000
100.001 a 500.000 habitantes 3 652.000

 

Unha rapaza, nunha aldea galega CC-BY-SA José Antonio Gil

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.