O aborto de tres vacas, supostamente provocado polo Rali do Cocido, acabará nos tribunais

Imaxe dunha das edicións do Rali do Cocido de Lalín © www.mcrallyes.com

Sucedeu o 17 de marzo de 2012, no Rali do Cocido de Lalín. Un dos treitos, entre Maceira e Goiás, pasaba a carón da explotación gandeira Finca Martino, e a tan só uns dez metros da corte, na que viven unhas 200 vacas. O forte ruído provocado polos coches da competición (xusto nese lugar hai unha pequena curva) provocoulles un gran susto aos animais. Os que estaban libres comezaron a correr polo campo, e "as que estaban amarradas empezaron a tirar para atrás e a esborrecar co medo, porque saltaban ata as areas dentro do establo", declaraba hai uns meses o responsable da granxa, José Antonio González, en La Voz de Galicia. Entre as seguintes 48 e 60 horas tres das vacas -en avanzado estado de xestación- sufriron abortos, e outra fíxoo días despois. Un informe realizado por tres veterinarios responsabilizou do sucedido ao "estrés" provocado polo rali

Entre as seguintes 48 e 60 horas tres das vacas -en avanzado estado de xestación- sufriron abortos, e outra fíxoo días despois. Un informe realizado por tres veterinarios responsabilizou do sucedido ao "estrés" provocado polo rali

González presentou unha reclamación ante o Concello de Lalín e ante a aseguradora e a entidade organizadora da proba, a Escudería Lalín-Deza. En total, pedíalles unha indemnización de 11.638 euros máis intereses. En decembro, a Xunta de Goberno desestimou a reclamación alegando que non se acreditara que o dano fose imputable ao Concello "por canto a autorización municipal limítase ao uso das pistas de titularidade municipal, contando a proba con autorización administrativa concedida pola Xefatura Territorial da Consellería de Presidencia", e delegando a responsabilidade nos organizadores do rali. Posteriormente, a Escudería Lalín-Deza tamén rexeitou a súa responsabilidade no sucedido, o que levou o gandeiro a presentar, hai uns días, a presentación dun recurso contencioso-administrativo no xulgado de Pontevedra.

O avogado mesmo chegou a programar un acto de conciliación entre as dúas partes, pero ninguén se presentou pola organizadora da proba

Agora, o conflito, que xa dura dous anos, dirimirase nos tribunais, nunha vista aínda sen data, pero que podería aínda adiarse varios meses. O avogado Alberto Barreiro, que traballa para o sindicato Unións Agrarias, levará o caso. O cálculo da indemnización inclúe os tres tenreiros que perdeu, os tratamentos veterinarios aos que tivo que someter ás vacas e o cálculo dun ano de produción de leite coa que tampouco puido contar o gandeiro. "Aínda poderíamos pedir moito máis porque o resto das vacas tamén baixaron a súa produción como consecuencia da tensión sufrida pola proba automobilística", indicou o gandeiro. O avogado mesmo chegou a programar un acto de conciliación entre as dúas partes, pero ninguén se presentou pola organizadora da proba.

Imaxe dunha das edicións do Rali do Cocido de Lalín © www.mcrallyes.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.