O aeroporto de Vigo gasta 45.000 euros en alugar un coche oficial para a súa directora

Vista do aeroporto de Vigo © Aena Aeropuertos

Os coches oficiais foron, no conxunto do Estado en xeral e en Galicia en particular, un dos emblemas da "austeridade" que agora se estende polo ensino, a educación ou a dependencia. Os diversos gobernos, a comezar pola Xunta, presentaron a redución do uso e número destes automóbiles, nalgúns casos máis cosmética e noutros, máis real, como unha das vías para gastar menos no funcionamento das Administracións e máis na cidadanía, todo isto ao calor das críticas aos xenericamente chamados "privilexios dos políticos". Este é o pano de fondo dunha decisión de contratación que vén de tomar o Aeroporto de Vigo: procurar un vehículo para usos oficiais da súa directora, Noelia Martínez, e facelo por unha cifra próxima aos 45.000 euros.

Concretamente, a dirección do aeródromo vigués, dependente da empresa pública Aena Aeropuertos, vén de iniciar un procedemento de licitación por un importe de 36.878,40 euros. Unha vez aplicado o correspondente 21% de IVE é posible concluír que a compañía dependente do Ministerio de Fomento está diposta a gastar ata 44.622,86 euros para dispoñer, na modalidade de renting, dun coche oficial para a alto cargo durante os vindeiros cinco anos, a razón duns 8.900 euros anuais.

O custe do contrato de arrendamento pode chegar aos 8.900 euros anuais

As empresas que queiran optar a este contrato teñen que ofrecer, ademais do "alugueiro do vehículo propiamente dito", servizos adicionais como un "seguro a todo risco", "mantemento preventivo", un "vehículo de substitución" e tamén "xestión de multas". "O pagamento das posibles sancións será responsabilidade do condutor, polo que Aena Aeropuertos -di o prego de condicións do contrato- comprométese á identificación do mesmo en cada momento e, no caso de non identificalo por causas imputables a Aena, a facerse cargo das sancións impostas". O contrato tamén contempla a posibilidade de que "o vehículo saia fóra do territorio nacional". Se o fai por máis de 14 días, o aeroporto vigués "comprométese a comunicalo" para que estea cuberto polo seguro.

En canto ao modelo de vehículo, o aeroporto ofrece catro opcións: un Ford Mondeo de 140 cabalos con equipamento Titanium, un Peugeot 508 de 140 cabalos con equipamento Allure, un Opel Insignia de 130 cabalos con equipamento Excellence ou un Toyota Avensis con motor diesel 150D e equipamento Advance. Á marxe do tipo concreto de coche a empresa pública reclama que o vehículo arrendado dispoña de "kit mans libres de telefonía móbil" con bluetooth, "alarma ou sistema alternativo", "cargador de CD, mp3 ou USB no caso de que non o teña de serie" e "climatizador, no caso de que non o teña de serie". "Se así o decide", Aena instalaralle ao coche "os sistemas de seguridade que considere oportuno", como "alarma antirroubos" ou "inhibidor de frecuencias", servizos que non estarían incluídos no prezo.

Vista do aeroporto de Vigo © Aena Aeropuertos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.