O Bloque 'ocupa' as sedes dos "culpábeis do roubo á sociedade"

Vence e Jorquera, ante o Banco de España na Coruña © BNG

O Bloque ocupou esta mañá en toda Galicia e de xeito simultáneo diversas entidade bancarias e dependencias administrativas da Xunta para "pór en evidencia o drama que está a padecer o pobo e para sinalar, directamente, os responsábeis deste roubo, a banca especulativa, e quen o ampara, o PP, desde o Goberno español e desde San Caetano". Varios centos de militantes pecháronse na sede do Instituto Galego de Consumo, en Compostela; nas oficinas centrais de Novagalicia en Ferrol e Ourense; no edificio administrivo da Xunta en Lugo; na Delegación de Facenda en Foz; e na oficina central do Banco CEISS.

Militantes do BNG 'ocuparon' o Instituto de Consumo en Compostela, oficinas de Novagalicia ou a sede da Xunta en Lugo

O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, participou, pola súa banda, na protesta que na Coruña se desenvolveu ás portas da sede do Banco de España, que foi pechado ao aproximarse a manifestación. Acompañado do portavoz do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera, e do portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, cargou contra “toda unha política de recortes absolutamente inxustos, tanto nos servizos públicos, como nos salarios ou no acceso ao crédito das empresas de economía produtiva que provoca que a sociedade estea a pagar cos seus impostos o rescate do enorme burato da banca española e europea”.

"Todos os custos da crise fánselle pagar a persoas aforradoras que non causaron crise ningunha", lembra Vence

"Somos da maioría da xente, somos dos máis, das e dos que se erguen cedo e se deitan tarde para saír adiante cada día, e estamos aquí para dicirlles que non imos ficar calados e caladas, que imos responder ás agresións diarias duns gobernos que defenden os culpábeis e castigan as vítimas, que imos ensinar os dentes e seguir na rúa na defensa dos dereitos e das liberdades, na defensa do noso presente e do noso futuro, na defensa das nosas vidas”, asegurou Vence, que insistiu en que para o BNG "esta crise é un roubo"

"A estafa bancaria das preferentes é roubo, como o recorte en gasto social e en servizos públicos, a reforma laboral, o aumento dos impostos, a emigración forzosa da nosa mocidade, a destrución salvaxe e insostíbel do noso territorio e dos nosos recursos mineiros, enerxéticos, marítimos ou como o impedimento de podermos desenvolver os nosos plans de vida, de podermos garantir unha vivenda e un traballo digno”, engadiu.

"Galiza vive unha realidade colonial", segundo o voceiro nacional do BNG

Para o portavoz nacionalista, "este roubo supón unha estratexia de resultados terríbeis para a xente e fai pagar todos os custos da crise naqueles que, xustamente, non a causaron: persoas aforradoras, contribuíntes, traballadoras, desempregadas, funcionarias, pensionistas, autónomas, pemes e economía produtiva en xeral”. "Desde o BNG imos estar á altura, defendendo na rúa e nas institucións as vítimas do empobrecemento social ao que nos leva o PP”, engadiu.

Segundo Vence, a situación que vive Galiza é "unha realidade colonial" ao ser "un país que esmorece, que queren desertizar social e economicamente". Por iso, para cambiar o conto, o voceiro do Bloque reivindicou a soberanía nacional para "tomar libremente decisións políticas en función dos nosos intereses, os da amioría social galega".

Vence e Jorquera, ante o Banco de España na Coruña © BNG
Peche na Instituto de Consumo de Compostela Dominio Público @BNGCompostela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.