O BNG alerta de que "o gran desafiuzamento dos gandeiros está por chegar"

Guillerme Vázquez acompañado de Tareixa Paz e Matías Da Torre © BNG

O BNG amosou este xoves a súa preocupación pola situación que atravesan os gandeiros galegos, en especial os produtores de leite. Un sector lácteo galego que, tal e como afirmou Guillerme Vázquez, “está sendo xibarizado”. Vázquez esixiulle a Núñez Feijoo que o goberno galego tome as rendas nesta situación, ao tempo que acusou o presidente da Xunta de “abandonar o sector lácteo aos pés dos cabalos”. O portavoz do BNG demandou “igualdade de condidións e capacidade de decisión para Galiza” e engadiu que “temos o mesmo dereito que Dinamarca ou Holanda a producir”.

Vázquez acusou o presidente da Xunta de “abandonar o sector lácteo aos pés dos cabalos”

Pola súa banda, Matías Da Torre, portavoz municipal do BNG en Silleda, describiu a situación da comarca do Deza “agónica”, con 12 concellos cunha poboación de 75.000 persoas das que 12.000 traballan no sector agrogandeiro nas máis de 2.000 explotacións existentes. Dixo que “o sector é a columna vertebral da comarca” e asegurou que nos últimos 5 ou 6 anos o sector leiteiro perdeu o 43% do poder adquisitivo cuns custes que se disparan e uns beneficios que só subiron o 1%. “Os gandeiros están totalmente endebedados e o grande desafiuzamento do sector lácteo está por chegar agora se non se toman as rendas da situación”, concluiu Matías da Torre.

Nos últimos 5 anos o sector leiteiro perdeu o 43% do poder adquisitivo cuns custes que se disparan e uns beneficios que só subiron o 1%

Mentres, a deputada Tereixa Paz lembrou que dos 400 expedientes existentes no Banco de Terras non saiu ningún contrato, polo que non se lles está a proporcionar aos gandeiros a base territorial que precisan.

 

Protesta de Unións Agrarias na Coruña

García animou tamén a que o consumidor se implique porque se verá afectado" por estes recortes

Mentres, medio cento de gandeiros concentráronse este xoves na Coruña ante a sede da Delegación do Goberno en Galicia para protestar contra os recortes de axudas da política agrícola común (PAC) e para reclamar ao Goberno que manteña o orzamento para España nas negociacións que teñen lugar na reunión dos xefes de Estado dos 27 países da Unión Europea para determinar o orzamento.

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, sinalou que é "imprescindible" que España manteña o orzamento para poder garantir o futuro do medio rural. García animou tamén a que o consumidor se implique porque se verá afectado" por estes recortes. 

Denunciou que xa neste momento do total de 5.600 millóns que España recibe da UE, para Galicia "apenas se destina o 3 por cento"

O responsable de Unións Agrarias apuntou que a partir de 2014 os fondos europeos se repartirán por número de hectáreas, o que prexudicará a Galicia. García denunciou que xa neste momento do total de 5.600 millóns que España recibe da UE, para Galicia "apenas se destina o 3 por cento". "Fronte aos 4.000 euros de media por explotación en Galicia, noutras comunidades como Andalucía ou Aragón reciben entre 15.000 e 17.000 euros", indicou.

 

Guillerme Vázquez acompañado de Tareixa Paz e Matías Da Torre © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.