O BNG censura as medidas dun Goberno estatal "mentireiro e covarde"

Olaia Fernández Davila, en rolda de prensa © BNG

"Un Goberno mentireiro e covarde". A deputada do BNG Olaia Fernández Davila censurou con dureza os últimos recortes do Executivo de Mariano Rajoy no plan orzamentario para os dous vindeiros anos e que foi remitido a Bruxelas. Segundo a nacionalista, estas novas medidas "agravarán a situación", polo que pediu políticas que "melloren" os ingresos do Estado, algo que si se pode facer porque hai "alternativa". 

Fernández Davila, en rolda de prensa, insistiu en que o Goberno de Rajoy é "covarde e mentireiro" por aplicar todas as medidas que prometera non facer, ademais de ser estas últimas "gravísimas" e as "máis regresivas" desde a súa chegada ao poder. A parlamentaria do BNG lembra que as novas promesas do Executivo a Bruxelas inclúen "máis recortes en sanidade e educación, incrementos fiscais do IVE e impostos especiais" e incidiu na "covardía" dun Goberno que non explica un plan que traerá "máis paro e recesión".

"Rajoy dixo que non tocaría a sanidade e a educación e nunca houbo un recorte tan drástico"

"O Goberno é mentireiro porque fai o contrario do que dixo Rajoy en campaña", recorda Fernández Davila. "Afirmou que non tocaría a sanidade e a educación e nunca houbo un recorte tan drástico", advertiu, para engadir que, malia que asegura actuar "polo ben" dos españois, limítase a acatar "sen rechistar" o que lle ditan" desde "determinados ámbitos da UE".  

Así, destacou que os 100.000 millóns de euros que a Unión Europea lle presta a España teranos que pagar os cidadáns "a través dos recortes", ademais de ter que afrontar a subida do IVE que non só se incrementará agora, senón que tamén o volverá a facer en 2014, como os impostos especiais, segundo o plan remitido a Bruxelas".

Do mesmo xeito, a deputada nacionalista insistiu en que "hai alternativa" ás políticas do PP e lembrou que o BNG leva "desde hai moito" defendendo a aplicación dun plan serio para "loitar contra a fraude fiscal". Davila recordou que agás a "amnistía para os evasores" o Executivo non amosou "interese" en cambater a fraude, xa que hai unha bolsa de 70.000 millóns de euros que se debería tentar recuperar.

En rolda de prensa, Olaia Fernández Davila tamén lembrou o compromiso de Rajoy de "non tocar" as pensións e subliñou que o plan remitido a Bruxelas "desménteo" claramente. "As medidas non van mellorar a economía, non crearán emprego e van empeorar a recesión pola caída do poder adquisitivo", rematou.

Olaia Fernández Davila, en rolda de prensa © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.