O BNG esixe "condicionar calquera cambio" da situación accionarial de NGB a unha solución das preferentes

Carlos Aymerich, nunha intervención no Parlamento CC-BY-SA BNG

O Bloque Nacionalista Galego defenderá no Parlamento unha proposición non de lei instando á Xunta a que condicione calquera cambio da situación accionarial de Nova Galicia Banco á previa solución da fraude das participacións preferentes. Carlos Aymerich, voceiro de Economía do grupo nacionalista, advertiu que “o primeiro debe ser que os máis de 100.000 afectados galegos reciban o 100 por cento do seu investimento”. Aymerich lamentou que mentres todos os días se está a falar das posibles saídas para a entidade, os afectados pola fraude das preferentes siguen sendo os grandes esquecidos.

Aymerich lamentou que mentres todos os días se está a falar das posibles saídas para a entidade, os afectados pola fraude das preferentes siguen sendo os grandes esquecidos

Para o deputado do BNG, todas as opcións que se contemplan para o futuro de NGB levan á consolidación do proceso de bancarización e á súa venda a mans privadas. “Iso si –engadiu-, cun seguro público polas posíbeis perdas dos investidores; mentres compras Nova Galicia Banco ou parte dela, se hai perdas, o Estado cúbreas a través dese seguro, así entra calquera. Non hai cartos para Sanidade nin para Educación pero si para seguir tapando os buratos da banca privada”.

 

Responsabilidade do Partido Popular

Aymerich criticou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tentara eludir as súas responsabilidades perante os afectados, no pasado pleno, atribuindo o problema ao goberno bipartito. Neste sentido, lembrou que foi o goberno do PP presidido por José María Aznar o que legalizou a emisión de participacións preferentes no 2003, a través da Lei 19/2003 sobre Réxime Xurídico de movimentos de capital e transacións económicas co exterior.

O deputado do BNG lembrou que foi o goberno do PP presidido por José María Aznar o que legalizou a emisión de participacións preferentes no 2003

Esta lei, asegurou, non só legalizou a emisión de participacións senón que concedeu unha “amnistía” ás emisións emitidas con anterioridade dende paraísos fiscais, que estaban sendo investigadas pola fiscalía. Asemade, recordou que o 28 de Decembro de 2011, co goberno na Xunta do propio Feijóo, se autorizou a actualización dunha emisión de Caixa Galicia por importe de 140 millóns de euros.

O deputado do BNG considerou, finalmente, que o debate non debe ser cando se produciu a fraude, pois a responsabilidade é do Mercado de Valores e do Banco de España, pero si hai que asumir que a Xunta ten competencias e debe exercelas. A este respecto, reiterou que hai exemplos, como o do goberno balear, que sancionaron ás entidas a través do Instituto de Consumo, “algo que en Galiza aínda non ten sucedido”.

 

Carlos Aymerich, nunha intervención no Parlamento CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.