O BNG pide a Xunta e Estado que "salven" a obra social de NCG

Guillerme Vázquez e Olaia Fernández Davila © BNG

O BNG pide a Xunta e ao Goberno central que "actúen" xa para "salvar" a obra social de Novacaixagalicia, xa que está convencido de que "irá ao garete" se o FROB decide a a venda de Novagalicia Banco "nunha operación acordeón" antes de que chegue a axuda de Bruxelas. O voceiro nacional, Guillerme Vázquez, e a portavoz do Bloque no Congreso, Olaia Fernández Davila, que xa rexistrou unha iniciativa na Cámara baixa para coñecer a posición do Executivo central, amosaron así a súa "grandísima preocupación" e preguntáronse que ocorrerá cos 181 millóns que a entidade galega achegou para este fondo social até 2016.

"A obra social actúa no ámbito da dependencia, dos maiores, das escolas infantís e doutras actividades máis necesarias nesta época de crise"

"A obra social actúa no ámbito da dependencia, dos maiores, das escolas infantís e doutras actividades máis necesarias nesta época de crise que en tempos anteriores", asegurou Fernández Davila, ao igual que Vázquez, quen tamén alertou de que estes recursos poden perderse "pola vía da evaporación".

A deputada no Congreso insiste en que Xunta e Goberno central deben traballar para evitar a perda da obra social "independentemente do que ocorra" con Novagalicia Banco. Por iso, deixou claro que a formación frontista seguirá expoñendo iniciativas coa vista posta en lograr "unha solución".

"Galicia segue necesitando un instrumento financeiro que atenda as súas necesidades"

Ademais, os dous insistiron na importancia de que Galicia manteña unha entidade financeira propia, non só pola xestión dos aforros dos galegos, senón tamén pola súa participación no ámbito social a través dunha porcentaxe dos seus beneficios. "Por iso, entre outras razóns, sempre defendemos unha entidade galega", aclarou Fernández Davila, mentres que Guillerme Vázquez teimou en que "Galicia segue necesitando un instrumento financeiro que atenda as súas necesidades". E "moitas" delas, como reivindicou, cúbreas a obra social.

A continuación, lembrou que o BNG "sempre defendeu" o modelo de caixas e a importancia de que o seu centro de decisión permanecese en Galicia. "Moitos o ridiculizaron, outros pensaron que era imposible", sinalou, para contrastar esta posición coa decisión "dun país avanzado e hexemónico en Europa" como Alemaña, que "mantén" o seu sistema de banca "pública territorializada" e reservar a súa supervisión".

Guillerme Vázquez e Olaia Fernández Davila © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.