O BNG pide á Xunta que reclame en Madrid a rebaixa do 30% no recibo do luz en Galicia

Vista dun parque eólico en Galicia CC-BY Ignorant Walking

O BNG presentou no Parlamento galego unha proposición non de lei na que se insta a Xunta a que demande o Goberno central unha rebaixa do 30% das portaxes no sistema eléctrico, así como a derrogación do artigo 38 da Lei do sector, na que se regula o acceso ás redes de transporte.

Carme Adán, voceira de Industria do BNG, lembrou que Galicia "está a producir entre un 30% e un 40% máis da enerxía que consome, e os custos medioambientais e sociais de tal actividade deben ser compensados". Así, a deputada nacionalista enumerou varios dos custos sociais sufridos polo país ao producir a enerxía, como a destrución de núcleos de poboación e vales, o aumento continuo de muíños eólicos nas paisaxes ou os problemas que crean as liñas de alta tensión. Por todo isto, reclamou que a Galicia se lle aplique unha rebaixa nas peaxes que paga pola electricidade.

Do mesmo xeito, Carme Adán destacou que o decandito artigo 38 "abre a porta á suba do recibo", xa que grava cun novo tributo o consumo naqueles territorios que producen esta enerxía. Por todo, reclamou o apoio de todas as forzas parlamentarias para conseguir o abaratamento da luz, así como o apoio do PP para que facilite o debate desta proposición.

Parque eólico na comarca do Ortegal CC-BY-SA Oleg Zaytsev

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.