O BNG pide que a Xunta asuma as facturas de luz e gas das familias que non poidan pagar

España é un dos países da UE no que a electricidade é máis cara CC-BY La.Blasco

O 12,2% dos galegos e galegas (máis de 300 mil persoas) non teñen ingresos abondo para poder manter as súas vivendas cunha temperatura axeitada, segundo revelan os datos máis recentes, correspondentes a 2013, da Enquisa de Condicións de Vida publicada polo INE. Esta porcentaxe, que acadou o seu nivel máis elevado nos últimos anos, regresando aos niveis de 2009 e 2010, supera en moito á media española (8%). E a situación persiste, cun incremento sostido dos prezos da luz (un 74% entre 2007 e 2013), que continuará este ano, e que fai que a factura da electricidade para calquera fogar non baixe en ningún caso dos 50 euros mensuais. Tendo en conta, ademais, que dúas terceiras partes do prezo corresponden a conceptos fixos, potencia e impostos, independentes do consumo.

Esta realidade de pobreza enerxética foi denunciada esta mañá unha vez máis polo BNG, a través do seu portavoz Xavier Vence e da deputada Carme Adán. O Bloque anuncia que demandará no Parlamento a modificación da Lei de protección das persoas consumidoras e usuarias, de 2012, para que, entre outras medidas, a Xunta asuma as facturas de luz e gas das familias que non as poidan pagar. Esta intervención do Goberno galego produciríase tras un aviso de corte do subministro e un previo informe dos servizos sociais, e tería unha vixencia de seis meses renovables. Así mesmo, a proposición parlamentaria pedirá establecer por lei a definición de pobreza enerxética como a situación que sofre unha familia cando destina máis do 10% dos seus ingresos a pagar as súas necesidades enerxéticas.

  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013
Galicia 12,6 8,9 12,6 12,4 5,4 7 12,2
España 8 5,9 7,2 7,5 6,5 9,1 8

% de persoas que non poden manter a súa vivenda quente. Fonte: INE

Estas medidas "de urxencia" complementarían unha proposta de reforma profunda do sistema eléctrico a nivel estatal, para fixar unha tarifa eléctrica social con cargo ás empresas. Xavier Vence denunciou que na actualidade a lexislación é completamente favorable para as grandes compañías eléctricas e responsabilizou desta situación a que "o sector eléctrico dominou os sucesivos gobernos do Estado", algo que segue a facer en boa medida a través dos mecanismos de porta xiratoria. Vence cualificou de "corrupción" a presenza de trece ex ministros e dous ex presidentes do goberno na nómina das empresas eléctricas "que sentan nos seus consellos de administración a soldo de Endesa, Fenosa, Iberdrola”. Elena Salgado, Pedro Solbes, María Angeles Amador, Luis Carlos Croissier, Angel Acebes, Luis Atienza, Ana Palacio, José María Aznar ou Felipe González figuran entre os directamente vinculados ao sector.

Esta intervención do Goberno galego produciríase tras un aviso de corte do subministro e un previo informe dos servizos sociais, e tería unha vixencia de seis meses renovables

Vence subliñou que “o BNG defende un sector eléctrico público regulado con prezos fixados e con límites no reparto de dividendos". No caso de Galicia, a formación demanda "unha tarifa eléctrica propia que nos permita beneficiarnos da condición de produtores e exportadores (33%) de enerxía” e unha regulación alternativa á actual que dea "apoio a cooperativas de consumidores que podan xestionar produción alternativa en base a enerxías renovables e reste protagonismo aos oligopolios, cunha regulación alternativa a actual”.

Carme Adán cualificou de “medida maquillaxe” o tícket enerxético da Xunta, “que non atalla o problema"

Así mesmo, Carme Adán cualificou de “medida maquillaxe” o tícket enerxético da Xunta, “que non atalla o problema". Esta iniciativa, apuntada por Núñez Feijoo como unha solución á pobreza enerxética en Galicia, só beneficiou a 14 mil familias, un 6% do total, e cunha contía, ademais, de entre 90 e 120 euros anuais, suficiente para pagar, como moito, dous meses de facturas.

 

Outras iniciativas

Outras das medidas que habitualmente se demandan a este respecto (o BNG chegou a presentar mocións neste senso) teñen que ver coa instauración de treguas invernais para "garantir o subministro de enerxía aos fogares vulnerables en períodos estacionais sensibles", evitando "que os distribuidores interrompan o subministro enerxético en caso de dificultades de pagamento", tal e como as definiu o Comité Económico e Social Europeo.

O pasado inverno o PP rexeitou no Congreso unha iniciativa do grupo de Izquierda Plural para "previr a pobreza enerxética". A proposición, que foi apoiada por todos os grupos da cámara agás os populares, instaba o Goberno do Estado e ás autonomías a definir o concepto de "consumidor vulnerable" e a reformar o actual sistema de bono social, incuíndo nel un "consumo mínimo vital en cómputo mensual". Ademais, oplan elevaba as devanditas "treguas invernais" á categoría de lei. Nesa sesión, o PP solidarizouse con quen sofre pobreza enerxética pero afirmou que non consideraba "xustificada" unha lei para previla.

España é un dos países da UE no que a electricidade é máis cara CC-BY La.Blasco
Imaxe da rolda de prensa ofrecida este luns por Xavier Vence e Carme Adán © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.