O BNG propón unha fronte común para defender o Porto de Vigo

Porto de Vigo © Praza Pública

O BNG propón unha fronte común no Parlamento Europeo en defensa do Porto de Vigo para conseguir que sexa incluído como infraestrutura nodal dentro da Rede Transeuropea de Transportes. 

Carme Adán reclamou a responsabilidade do presidente da Xunta, que a día de hoxe aínda non se pronunciou sobre este tema "vital" para a primeira cidade do país

A eurodeputada Ana Miranda denunciou neste senso o "abandono do Goberno español, dun signo político e doutro" e acusou a PP e PSOE de "deixar caer o Porto de Vigo na Comisión de Transportes da Eurocámara preferindo apoiar infraestruturas doutras partes do Estado". De igual xeito a deputada Carme Adán reclamou a responsabilidade do presidente da Xunta, que a día de hoxe aínda non se pronunciou sobre este tema "vital" para a primeira cidade do país: "Feijóo ten que dar a cara polo Porto de Vigo e deixar de mirar cara outro lado".

Para sumar apoios a esta petición Miranda remitiulles senllas cartas aos portavoces do PP e do PSOE na Comisión de Transportes, Luis de Grande e Inés Ayala

En marzo votarase o documento da Rede Transeuropea de Transportes e previamente o BNG presentará unha emenda na que reclama a inclusión do Porto de Vigo na rede nodal. Para sumar apoios a esta petición Miranda remitiulles senllas cartas aos portavoces do PP e do PSOE na Comisión de Transportes, Luis de Grande e Inés Ayala. Nesta misiva o BNG proponlles a presentación dunha emenda conxunta "ou calquera outra fórmula de consenso". "É unha cuestión de país, non se trata de protagonismos, nin de quen sexa o autor da emenda", concluíu Miranda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.