O BNG reclama a Feijóo que sexa "claro" e garanta que non permitirá a venda das centrais do Xallas

Ana Pontón, con alcaldes do BNG contra a venda das centrais © BNG

O BNG reclama a Feijóo que volva reunirse cos axentes "políticos e sociais" da Costa da Morte que están contra a venda "ilegal" das centrais do Xallas. A súa portavoz nacional, Ana Pontón, lembrou que desde o último encontro co presidente da Xunta "pasaron moitas cousas" e destacou a imputación de Villar Mir, presidente do grupo no que se inclúe Ferroatlántica, na operación Lezo por presunto financiamento ilegal do PP ou o ultimato que a empresa lanzou ao Goberno galego. 

Pontón pide a Feijóo outra reunión cos axentes sociais da Costa da Morte porque "pasaron moitas cousas" desde a última

Así, Pontón pide "máxima transparencia" e critica que se ignore o comité de empresa “que leva meses petando na porta da Xunta”. Por iso, insiste en que moitas cousas mudaron desde a última xuntanza de Feijóo cos alcaldes dos concellos implicados. "Como resposta só vemos un silencio que non axuda a calmar os ánimos senón que introduce máis incerteza sobre o futuro das plantas”, dixo tras o encontro cos alcaldes nacionalistas de Carnota, Mazaricos e Zas para visibilizar o apoio do BNG ás demandas do cadro de persoal.

O BNG pide "máxima transparencia" logo de que Villar Mir fose imputado por presunto financiamento ilegal do PP

"Reúnase de novo con todos os axentes políticos e sociais da comarca e mande unha mensaxe moi clara, a que están esperando miles e miles de persoas en todos os concellos afectados: que as centrais do Xallas nin se venden, nin se segregan”, reclamou Pontón, que lembrou qeu Ferroatlántica púxolle á Xunta unha data "límite" para que lle dese esea autorización: o 31 de maio. 

“Urxe unha posición clara de Feijóo e dicirlle con rotundidade a Ferroatlántica que non fai falta que presente ningún documento de solicitude de autorización ante a Xunta, porque todo o mundo sabe que esa operación só ten como obxectivo que Villar Mir faga caixa coa venda dunhas centrais que son un ben público”, insistiu Pontón, que cre que as posibles dúbidas sobre os intereses quedaron despexadas coa imputaicón do empresario. 

"A operación só ten como obxectivo que Villar Mir faga caixa coa venda dunhas centrais que son un ben público”, denuncia o Bloque

"Pedimos a creación dunha comisión de investigación que analice todas as concesións públicas ao grupo de empresas de Villar Mir, en particular os expedientes de concesión das centrais”, insistiu Pontón. O BNG xa ten rexistrada unha iniciativa con esta demanda que será debatida no pleno parlamentario da vindeira semana.

“Consideramos, igual que os traballadores e traballadoras, igual que a veciñanza dos concellos afectados e igual que calquera persoa con sentido común que é unha vergoña que este empresario leve décadas facendo negocio coas centrais, mesmo hipotecándoas para conseguir cartos que despois investiu fóra de Galiza, mentres as fábricas que ten aquí non teñen investimento algún e deixan que se deterioren xogando co pan de centos de familias”, concluíu a dirixente do Bloque.

Ana Pontón, con alcaldes do BNG contra a venda das centrais © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.