O pasado venres o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou un decreto da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas coas novas condicións da adhesión dos concellos a Sogama para que esta empresa, propiedade da Xunta e de Gas Natural-Fenosa xestione os residuos xerados nestas localidades. Entre outras disposicións, o decreto prevé que, no caso de que un Concello non pague o canon correspondente, Sogama retirará do Fondo de Cooperación Local os cartos adebedados: "Transcorrido o prazo indicado no apercibimento sen que se efectuase o pagamento, a sociedade pública solicitará a retención ao órgano encargado da xestión do citado Fondo de Cooperación Local, que se poderá realizar con independencia da existencia de controversia ou cuestión pendente entre a entidade local e a sociedade pública sobre a cantidade debida".
Entre outras disposicións, o decreto prevé que, no caso de que un Concello non pague o canon correspondente, Sogama retirará do Fondo de Cooperación Local os cartos adebedados
Este luns pola mañá o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, compareceu acompañado dos alcaldes de San Sadurniño, Secundino García Casal, e Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa, e da deputada Ana Pontón, para anunciar que a formación recorrerá o devandito decreto, acusando a Xunta de aprobalo de forma "unilateral" e de regular de forma "leonina" a relación entre os concellos e Sogama. O recurso contencioso-administrativo, que será preentado polos gobernos municipais do BNG, inclúe a petición de medidas cautelares para suspender a aplicación da nova norma. O Bloque tamén demandará a súa paralización no Parlamento e a través da Fegamp.
Vence tamén criticou que o decreto apenas lles dá dous meses de prazo aos Concellos para decidir a súa incorporación ou baixa de Sogama, e que esta adhesión debe realizarse por un prazo mínimos de cinco anos. Para Vence isto busca "amarrar todos os municipios" e "impedir a súa fuga". O decreto estipula que no caso dos contratos actualmente en vigor, unha vez vencida a súa actual vixencia "entenderanse tacitamente prorrogados por períodos de cinco anos, salvo que, cunha antelación mínima de dous meses ao vencemento do prazo de adhesión en vigor, se faga chegar á xestora do sistema" o acordo para a desvinculación.
Vence denuncia que a Xunta "actúa só en beneficio dunha empresa e contra os intereses da maioría dos cidadáns"
Para o portavoz nacional do BNG, "estamos ante dúas vías de ataque da Xunta aos concellos", por unha banda un decreto "para favorecer a Sogama e a Gas Natural Fenosa" e pola outra o intento de "descontar do Fondo de Cooperación Local as facturas impagadas". Para Vence, isto resulta "inaceptable", e denuncia que a Xunta "actúa só en beneficio dunha empresa e contra os intereses da maioría dos cidadáns", unha mostra "da soberbia e do despotismo que caracterizan a Núñez Feijóo, moi forte contra os débiles e moi submiso cos fortes".
Para Vence, o decreto pretende "parar o proceso" iniciado, entre outros, por concellos gobernados do BNG "que defenden outras alternativas SOGAMA, un modelo “insostible, caro e con efecto nocivos para o medio ambiente e as persoas”.
Pola súa banda, Secundino García, alcalde de San Sadurniño, explicou que o venres os concellos que se “negaron a dobregarse” recibiron unha “moi mala noticia”, ao modificar a Xunta “unilateralmente” todos os contratos con SOGAMA "nos que pactamos unhas condicións especiais que xa foron modificadas o ano pasado co incremento do prezo do tratamento do lixo nun 34%". "Houbo concellos", explicou, "que se se negaron a esta taxa e devolveron as facturas e continuamos a espera do pronunciamento dos tribunais". "De todos os xeitos", concluíu, “seguiremos ata o final na nosa postura”.
Finalmente, Ana Pontón referiuse á norma publicada o venres como un “decreto ilegal que non respecta a autonomía local e incumpre a xerarquía no tratamento de residuos establecida por Lei”. Pontón lembrou ademais que o modelo de SOGAMA "incumpre a lei sobre a prohibición de depósitos de residuos como os que deposita en Areosa sen ningún tipo de tratamento”.