No terceiro trimestre de 2009 ao redor de 71 mil persoas traballaban en Galicia na agricultura, a gandaría e a silvicultura. Seis anos e medio máis tarde xa só o fan 46 mil, un descenso do 35% que coincide coa crise económica xeral, a crise do sector leiteiro e coa xestión de Alberto Núñez Feijoo á fonte da Xunta. Nos datos da EPA do primeiro trimestre de 2016, coñecidos onte, obsérvase unha mellora moi cativa (de 45,2 mil a 46,1). Nestes anos descendeu especialmente a categoría de empresario/a agrario/a sen asalariados/as, que pasou de 52,5 mil a 33,9 mil persoas ocupadas.
Entre esas 46 mil persoas ocupadas, son maioría os homes (26,2 fronte a 19,9 mil mulleres). A este respecto, advírtese unha evolución moito máis negativa no emprego feminino, pois no cuarto trimestre de 2009 había máis mulleres que homes (33,9 mil fronte a 33,4 mil) e esa igualdade mantívose ata comezos do ano 2013; dende entón o número de homes ocupados case non variou, mentres que o de mulleres descendeu en sete mil persoas.
Por idades, os descensos afectan a todas as xeracións. Redúcese o número de mozos e mozas que traballan no agro: os ocupados e ocupadas de menos de 35 anos pasan de 15 mil a 8 mil. Pero tamén o fai o número de persoas de 45 a 54 anos (de 21 a 14 mil) e o dos traballadores e traballadoras maiores de 55 anos (de 22 a 13 mil).
Aínda que a crise económica afectou nestes anos a practicamente todos os sectores, a agricultura, a gandaría e a silvicultura están entre os máis prexudicados. Así, o descenso do 35% no número de persoas ocupadas que se produciu nestas áreas só é comparable co sufrido polo sector da construción (-39%) e supera amplamente ao da banca (-31%), a industria (-17%) ou o comercio (-14%).