O cobro excesivo de Gas Natural Fenosa aos concellos chega ao Parlamento

Antiga sede de Unión Fenosa © Gas Natural Fenosa

Canto lles debe Gas Natural Fenosa aos concellos galegos? A Vilar de Santos, cando menos, débelle 58 mil euros por cobros indebidos nos últimos cinco anos. Denúnciao o seu alcalde, Xan Jardón (Compromiso por Galicia), que acusa a empresa de ter cobrado aproximadamente un 20% máis do debido, ao non aplicar a tarifa de discriminación horaria, un cobro indebido recoñecido pola empresa. Por ese motivo, o rexedor presentou unha solicitude no rexistro do Parlamento pedindo comparecer en comisión para explicar "a situación de indefensión dos concellos galegos diante das empresas subministradores eléctricas". "Hai un expediente sancionador do que se derivan unhas consecuencias que a empresa terá que cumprir" -sinala- "Pero eu quero abrir outra fronte, no Parlamento, como máxima expresión democrática, para explicar todo o que está pasando no meu concello e noutros nos que creo que se está producindo o mesmo".

Trala denuncia efectuada polo seu concello por irregularidades en materia de consumo, Gas Natural recoñeceu a sobrefacturación, procedendo á devolución do último ano, “mais o que demandamos con firmeza é que nos devolva ata o último céntimo dos 58 mil euros dos últimos cinco anos”, sinala Jardón. Asegura que de ser unha estafa xeneralizada a contía podería sobrepasar os oito millóns e medio de euros en Galicia. "Gas Natural Fenosa teno moi fácil para resolver este tema pola vía da conciliación", engade Jardón.

O alcalde de Vilar de Santos demanda así mesmo que a cámara leve a cabo unha investigación para corroborar “o que xa está constatado polos concellos” e que o Parlamento asuma unha posición "de defensa dos intereses de concellos e consumidores galegos". Algo que tamén lle esixe á Xunta, a quen lle pide que investigue a facturación das compañías subministradoras de enerxía eléctrica.

"Son máis de 11 mil euros cada ano que pagamos, que son de todos os veciños e veciñas e que deixamos de empregar noutras cuestións fundamentais nos tempos que corren"

Compromiso por Galicia iniciou a presentación de mocións, noutros concellos, instando os grupos de goberno a proceder á revisión de toda a facturación eléctrica, principalmente a do alumeado público con contratos de tarifa simple de baixa tensión con discriminación horaria, cando menos dos últimos cinco anos, para comprobar se é correcta. E pedindo tamén que os concellos lle demanden ao Servizo de Consumo da Xunta de Galicia que realice un control na facturación.

"Veño dun concello no que non temos débeda, no que temos os pagos con Gas Natural ao día e no que a pesar de todo iso temos un gran nivel de servizos", conclúe Jardón. "Son máis de 11 mil euros cada ano que pagamos, que son de todos os veciños e veciñas e que deixamos de empregar noutras cuestións fundamentais nos tempos que corren".

 

"Grande estafa"

Paulo Carlos López apostou pola aprobación dunha nova directiva europea que promova un marco onde se garantan os dereitos dos usuarios e que “impida casos de abuso como os que estamos a vivir”

Jardón estivo acompañado polo candidato de Compromiso por Galicia ao Parlamento europeo, Paulo Carlos López, que apostou por esgotar todas as vías políticas, administrativas e xudiciais, e pola aprobación dunha nova directiva europea que promova un marco onde se garantan os dereitos dos usuarios e que “impida casos de abuso como os que estamos a vivir”. López sinalou tamén a necesidade de crear unha oficina especializada en Galicia, “que preste información e cobertura xurídica a particulares e concellos no ámbito da tarificación eléctrica e que axilice os trámites para solicitar devolucións ou proceder a denuncias”.

Hai uns días, de igual xeito, Xoán Bascuas, secretario xeral de Compromiso, cualificou este feito de “grande estafa, xa que se trata do gasto corrente máis elevado dos concellos”, e lembrou que “Galicia sendo un dos principais produtores de enerxía eléctrica, lonxe de recibir discriminación positiva polo feito de soportar os impactos negativos da xeración de enerxía que nunha porcentaxe elevada se exporta, aínda é castigada“. Bascuas pediulle tamén a Feijóo “que por unha vez exerza como presidente dos galegos e galegas” e interveña para solucionar este problema.

Antiga sede de Unión Fenosa © Gas Natural Fenosa
Rexistro da petición de comparecencia no Parlamento © Compromiso por Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.