O comercio da provincia da Coruña irá á folga o primeiro día de rebaixas

Isabel Castaño, secretaria xeral de FECOHT-CCOO Galicia Dominio Público CCOO Galicia

A folga está convocada conxuntamente por CCOO, UGT e CIG e conta co apoio do persoal que nas asambleas dos pasados 19 e 25 de xuño ratificou esta medida de presión nun día tan sinalado para o comercio.

Isabel Castaño, secretaria xeral de FECOHT-CC OO de Galicia, asegura que “están en xogo as condicións laborais no sector, xa que a patronal se amparou na reforma laboral para rexeitar que o actual convenio continúe vixente mentres se manteñen as negociacións para pactar un novo texto”. Castaño recorda que levan xa dous anos intentando chegar a un acordo de renovación do convenio, pero as diferentes patronais impedírono ademais de que moitas delas “nin sequera estean presentes nas negociacións”, o que causa, di, “unha falta de lexitimidade”.

A secretaria xeral de FECOHT-CC OO cree que a folga é máis que necesaria dado que moitas das empresas do sector “intentan aproveitar a conxuntura da crise para aumentar beneficios á custa de recortar dereitos laborais”dado que gran parte das mesmas “están nunha boa situación económica”,

A xornada de folga non contará con manifestación pero si con piquetes informativos nos grandes centros comerciais da Provincia da Coruña así como no centro das principais cidades.

Piquetes informativos:

Catro Camiños (A Coruña) ás 8:30

Praza Roxa (Santiago de Compostela)  ás 9:30

Centro comercial Odeón (Ferrol) ás 9:30

Isabel Castaño, secretaria xeral de FECOHT-CCOO Galicia Dominio Público CCOO Galicia
Cartaz da folga CC-BY-NC-SA CIG/CCOO/UGT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.