O comité de Navantia aprema a Xunta entre barricadas para que Pemex contrate xa o flotel

Marcha de traballadores do naval en Ferrol © Susete Ferrol

O flotel de Pemex segue sen chegar a Navantia e o comité de empresa do estaleiro de Ferrol volve pedir explicacións á Xunta sobre un acordo coa petroleira mexicana que non dá froito ningún. Logo dunha nova manifestación de traballadores, Ignacio Naveiras, voceiro do comité, asegurou que a "declaración de intencións" do protocolo subscrito por Feijóo antes das eleccións autonómicas ten o 30 de xuño como "data límite" para "ter unha decisión sobre a construción dos floteis". Ese é o día límite segundo "filtracións" e "conversas extraoficiais" ás que alude o representante do cadro de persoal.

O comité de Navantia sospeita que a contratación do flotel quedou no aire tras a entrada de Pemex en Barreras

Ante a desesperación dos traballadores, Naveiras volveu exixir que se establezan datas de referencia urxentemente para o inicio da construción do flotel, algo que, segundo o comité, está máis aínda no aire logo da entrada de Pemex no accionariado de Barreras, o outro estaleiro que debería construír o outro buque prometido. "Ese acordo marcou un antes e un despois e o goberno da Xunta está completamente escondido", dixo.

Ademais, lembrou que o conselleiro de Industria, Francisco Conde, situou "en semanas" o inicio do corte de chapa do flotel, pero advertiu de que os traballadores teñen "serias dúbidas sobre isto". "Exiximos unha vez máis a Feijóo que cumpra o que prometeu en campaña electoral porque isto é un engano a toda a comarca", remarcou.

Ademais, desde os sindicatos tamén se criticou a redución prevista en gasto militar por parte do Goberno, que provoca que se descarte a construción de buques de acción marítima e non se cumpra o compromiso de execución dunha nova fragata. Os persoais de Navantia Ferrol e Fene xa aprobaron secundar a folga comarca convocada de forma unánime por CIG, CCOO, UGT e USTG o próximo 12 de xuño para "esixir solucións".

Máis de 3.000 traballadores cortaron o tráfico durante cous quilómetros e queimaron barricadas

Todas estas reclamacións chegaron logo dunha nova manifestación de máis de 3.000 traballadores de Navantia Ferrol e Fene e de empresas auxiliares do sector naval que cortaron o tráfico durante case dous quilómetros e queimaron barricadas de pneumáticos para reclamar carga de traballo. Mentres, no asfalto pintaron frases como SOS naval e flotel xa.

Ademais, ao comezo da ponte das Pías, os traballadores prenderon lume a unha barricada de pneumáticos ardendo de varios metros de altitude, formada tamén por buzos de traballo, que levaban fotografías cos rostros do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e do alcalde da cidade, o tamén popular José Manuel Rey. Logo de permanecer media hora na zona, os traballadores regresaron ao estaleiro pola calzada, polo que xeraron importantes retencións. A mobilización finalizou ao redor das 13 horas.

Marcha de traballadores do naval en Ferrol © Susete Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.