O comité de Navantia pon fin ao peche pero anuncia novas mobilizacións

Manifestación do naval en Ferrol CC-BY-NC-ND Xoán Porto

Fin ao peche. Os comités de Navantia Ferrol e Fene puxeron fin este xoves ao mes de peche no Concello de Ferrol, logo de que a SEPI lles anunciara a convocatoria da reunión da Comisión de Seguimento do dique flotante para o vindeiro 24 de outubro, xusto despois das eleccións galegas, pero advirten tamén de que seguirán coas protestas para reclamar carga de traballo para os estaleiros.

A SEPI convoca a Comisión de Seguimento do dique flotante para xusto despois das eleccións

Logo dunha asemblea cos traballadores, os delegados sindicais acordaron a fin do peche que comezara o 11 de setembro tras unha carta na que a SEPI recoñecía a dificultade de contratar o dique flotante na ría pola súa "escasa rendibilidade". No entanto, os operarios continúan a desconfiar da convocatoria da xuntanza, xusto despois dos comicios, así como do resultado dela, polo que anuncian que seguirán coas mobilizacións nos vindeiros días.

A primeira protesta terá lugar o próximo luns, pero a grande mobilización comarcal celebrarase o mércores 17, catro días antes das eleccións do 21 de outubro, nun acto convocado por CCOO, UGT, CIG e USTG que discorrerá baixo o lema: "Queren afundir a comarca. Impidámolo!". 

Traballadores, nunha manifestación en Ferrol CC-BY-NC-ND Xoán Porto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.