O Concello da Coruña lémbralle á concesionaria da limpeza en colexios a obriga de subrogar os contratos

Limpeza de cristais © Hogar Útil

O pasado mes de outubro a empresa Itma gañou o concurso convocado polo Concello da Coruña para renovar a concesión do servizo de limpeza dos colexios de educación infantil e primaria da cidade. A convocatoria incorporaba unha serie de cláusulas sociais para "fomentar a estabilidade no emprego e o respecto ao medio ambiente na súa execución". Os pregos técnicos incluían un anexo cos datos dos 78 traballadores e traballadoras que a empresa que se fixese cargo do servizo estaba obrigada a subrogar, mantendo ademais as súas condicións laborais e salariais.

Porén, unha vez que a nova compañía se fixo cargo do servizo, este luns 16 de xaneiro, comunicou a algunha das limpadoras que non subrogaría os seus contratos, en concreto a 13 traballadoras que estaban cuprindo baixas por enfermidade. ​A concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, sinala que están a investigar o caso e subliña que “no caso de que corroboremos que a firma non está a adecuarse á subrogación nos termos que marca a lexislación e o convenio do sector, recordarémoslle, de inmediato, a obriga que ten de cumprir cos requirimentos municipais e iniciaremos, se cabe, un proceso de imposición de penalidades”. Este proceso podería derivar tanto en sanción, como desembocar, en último caso, "na extinción do contrato en vigor".

Cameán lembra que entre os requisitos que figuraban nos pregos do concurso estaba “o compromiso de que o persoal que vén desempeñando a prestación na actualidade, e teña dereito a subrogación, sexa contratado por un período non inferior ao prazo máximo de duración do contrato, incluídas as súas prórrogas”. Fronte ás críticas de PP e UGT, o edil do PSdeG-PSOE, José Manuel García, considerou "impresentable" a actitude da empresa e amosou o seu apoio ao Goberno local para acadar o mantemento dos postos de traballo.

Este mesmo xoves a CIG denunciou que a empresa Itma está a incumprir reiteradamente as condicións do convenio colectivo no servizo de limpeza do Hospital do Salnés. Estes incumprimentos inclúen atrasos no pagamento de salarios e pagas extraordinarias e "auténticos fraudes de lei nalgunhas contratacións", segundo o sindicato. De igual xeito, hai uns meses CC.OO. e UGT denunciaron a "explotación" que sufrían os e as traballadoras de Itma encargadas de realizar a limpeza do Ikea da Coruña.

 

Limpeza de cristais © Hogar Útil

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.