O Concello de Ares cancelará as súas contas nos bancos que expulsen da casa aos veciños

Sede do Concello de Ares © Concello de Ares

Rebelión nun concello galego. O alcalde de Ares, Julio Iglesias, vén de anunciar este domingo que cancelará a súa conta con aquelas entidades bancarias que "decidan practicar un desafiuzamento a un veciño" deste municipio coruñés. "O Concello quere axudar, na medida das súas posibilidades, a evitar os cada vez máis frecuentes desafiuzamentos que están a practicar as entidades bancarias a familias que, pola crise económica, vense na rúa por non poder pagar a vivenda na que residen", remarcou, a través dun comunicado.

"O Concello quere axudar, na medida das súas posibilidades, a evitar os cada vez máis frecuentes desafiuzamentos"

Ademais, o rexedor socialista adiantou tamén qeu vai remitir unha carta ás entidades financeiras nas que o Consistorio ten contas para advertirlles da súa decisión e das posibles consecuencias. Ao tempo, Julio Iglesias fai un chamamento ao resto de alcaldes para que o imiten e fagan "o mesmo"  para conseguir así que os bancos "non leven a cabo estes desafiuzamentos".

A decisión do alcalde de Ares chega tras o sucidio dunha veciña de Barakaldo xusto antes de que fora expulsada da súa casa por unha entidade bancaria e despois tamén de que o alcalde de Tenerife conseguise parar o desafiuzamento dunha veciña tras ameazar a Bankia de anular as contas que o Concello tiña na entidade madrileña.

Sede do Concello de Ares © Concello de Ares

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.