O conflito en Sargadelos enquístase tras o despedimento xa de 20 traballadoras

Fábrica de Sargadelos © Sargadelos

O conflito en Sargadelos enquístase e só a Xustiza semella que poderá resolver unha situación que ameaza a fábrica en Cervo da histórica empresa. Segismundo García, máximo accionista e conselleiro delegado, anunciou e iniciou o despedimento de 49 traballadores --a metade do cadro de persoal--, advertiu dun posible peche e sinalou e cargou contra a delegada sindical de UGT na factoría e ex-presidenta do comité de empresa, Rogelia Mariña. Aos poucos días, promoveu a sinatura dun escrito no que os operarios piden a dimisión da devandita delegada e puxo como condición o apoio a esa demanda para deter a vaga de despidos. Malia que foron moitas as persoas que deron o visto e prace ao documento, os cesamentos seguen. Van uns vinte, a maioría de operarias con escasa antigüidade e temporais, pero tamén dalgunha que non firmou o texto. 

Sargadelos despediu xa vinte persoas do total de 49 cesamentos cos que ameazou o conselleiro delegado

"Agora mesmo non hai posibilidade de acordo; desde a última xuntanza, ninguén nos chamou. Estamos abertos á máis mínima posibilidade de diálogo, pero de non haber solución, todo se decidirá nos xulgados", explica o secretario comarcal de UGT-FICA (Federación de Industria, Construción e Agro) na Mariña Lucense, Eladio Quelle.

Esa primeira reunión entre o conselleiro delegado e o sindicato, da semana pasada, acabou sen acordo ningún e coas posturas igual de afastadas. García teima nos despedimentos e nas súas críticas a sindicatos e reivindicacións laborais. De feito, a súa xustificación do recorte de persoal baséase na posible demanda para igualar os salarios dos traballadores contratados nos últimos meses cos máis veteranos e que estaría impulsada por Rogelia Mariña. "Antes de que se iniciasen os despedimentos, non houbo nin unha soa reclamación", advirte Quelle, que avisa de que, "obviamente, ao empezar os despidos, claro que as haberá e nos xulgados". 

"O conselleiro delegado está en contra dos sindicatos, da autoridade laboral, da Xustiza, da lexislación española... Nada lle vale", di UGT

"O conselleiro delegado está en contra dos sindicatos, da autoridade laboral, da Xustiza, da lexislación española... Nada lle vale e así é moi complicado", engade Quelle sobre a actitude do máximo accionista dunha empresa que, segundo UGT, ten abertos máis de 260 requirimentos por parte de Inspección de Traballo. Desde Sargadelos tamén se critica a mediación levada a cabo pola Xunta. 

Cunha demanda de tutela de dereitos fundamentais nos xulgados de Lugo presentada pola UGT contra Segismundo García, a situación dentro do empresa non é a mellor tras a promoción do escrito contra a delegada sindical. "É unha pena a situación porque se está a enfrontar xente, persoas que son veciñas. Estanlles obrigando a asinar, sobre todo á xente nova", explica Quelle. 

Pero Segismundo García insiste en que as demandas sindicais, e a anulación pola Xustiza do ERE levado a cabo en 2010, supuxéronlle á empresa o abono de case 1 millón de euros, o que provocaría a inviabilidade da empresa, malia que a facturación do grupo ascende aos 8 millóns e a fonda crise de anos pasados quedou hai tempo superada.

"Non sabemos até onde vai chegar; ameaza mesmo co peche da empresa se hai sancións ou reclamacións alborais... E como non as vai haber se está a despedir xente?", insiste Quelle. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.