O conflito en Sargadelos volve aos xulgados e a Mancomunidade da Mariña pide axuda á Xunta

Instalacións de Sargadelos en Cervo © Xunta

UGT presentou na mañá deste martes unha demanda de tutela de dereitos fundamentais nos xulgados de Lugo ante as actuacións de Segismundo García, máximo accionista e conselleiro delegado de Sargadelos, logo de que este anunciase --e iniciase-- o despedimento de 49 traballadores da fábrica de Cervo e sinalase e cargase contra a delegada deste sindicato e ex-presidenta do comité de empresa.

UGT pide á Xustiza que actúe "axiña" paralizando os despedimentos e instando a que cese a "chantaxe e coacción" de Segismundo García

A demanda presentada pola UGT reclama medidas cautelares "axiña": que se paralicen os despedimentos, que se condene o conselleiro delegado polas accións e danos contra o sindicato e a delegada sindical e que cese as accións de "chantaxe e coacción" que denuncia a central. Segundo advirte UGT, Segismundo García promoveu entre o cadro de persoal a sinatura dun escrito no que os operarios piden a dimisión da ex-presidenta do comité, Rogelia Mariña. O apoio dos traballadores a esta demanda sería a condición posta polo máximo accionista de Sargadelos para deter a vaga de despedimentos levada a cabo e coa que acumula xa oito cesamentos, todos eles argumentados no "baixo rendemento". 

García nega que el estea detrás dese escrito, tal e como denuncia UGT, que aclara que son moitas as sinaturas xa apañadas --entre o 75% e o 80% do cadro persoal que traballa a tal hora na factoría-- ante "a preocupación e o medo" do persoal a quedar sen traballo. "Queremos que se paralice este abuso contra o sindicato e contra esta traballadora", explica o avogado de UGT, Pedro Blanco, que lembra que Sargadelos "quixo quitar de diante" a Mariña concedéndolle un permiso retribuído de varios días. Na súa demanda xudicial, a central reclama tamén a volta ao traballo da operaria. 

O sindicato acusa o conselleiro delegado de promover a recollida de sinaturas para a dimisión da delegada de UGT como condición para deter os despedimentos

Segismundo García xustificou o pasado venres, nunha asemblea con traballdores aberta aos medios, o drástico recorte de persoal nas "presións sindicais" e mesmo non descarta o peche da emblemática factoría mariñá. O conselleiro delegado sinala as reivindicacións dos representantes dos traballadores por mellorar as súas condicións ou lograr o cumprimento da lexislación laboral  os gastos derivados de todas estas demandas como causa da súa decisión, ante a sorpresa do cadro de persoal; e sinalou a Rogelia Mariña. Despedida en 2016 tras criticar a xestión do máximo accionista, o seu cesamento foi declarado improcedente pola Xustiza, polo que Sargadelos tivo que readmitila e García indemnizala con 30.000 euros por danos morais.

García insiste en que as demandas sindicais, e a anulación pola Xustiza do ERE levado a cabo en 2010, supuxéronlle á empresa o abono de case 1 millón de euros, o que provocaría a inviabilidade da empresa, malia que a facturación do grupo ascende aos 8 millóns e a fonda crise de anos pasados quedou hai tempo superada. Segundo explica, a posibilidade de que os novos contratos feitos nos últimos meses tivesen que equiparar as súas condicións salariais aos antigos suporía un atranco insalvable para Sargadelos. A súa solución: despedir estes 49 novos traballadores que, no entanto, non serían cesados de conseguir que a delegada sindical de UGT abandone a compañía. 

No caso, ademais, de que os despidos se certifiquen, a empresa non podería atender aos pedidos dos vindeiros meses, polo que o peche da fábrica --outra das opcións que non descartou García-- estaría máis preto. Na factoría de Cervo traballan na actualidade arredor dun cento de persoas. 

 

A Mancomunidade da Mariña pide á Xunta que interveña

Por outra banda, o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña e alcalde de Burela, Alfredo Llano, reclamou a intervención da Xunta para evitar o peche de Sargadelos. Así, apelou á "mediación" das "institucións que teñan capacidade de resolución", incluíndo o Goberno galego e mesmo a Deputación de Lugo. "Hai institucións con capacidade de manobra, con capacidade económica e de entendemento para xuntar as partes", di. 

A Mancomunidade pide á Xunta e mesmo á Deputación que "medien" para evitar o peche de Sargadelos

O socialista Alfredo Llano defende que se "alcancen acordos", á vez que se compromete "a traballar" para que Sargadelos "saiaa fortalecida". "A Xunta debería forzar reunións e garantías para que a xente estea tranquila", dixo quen destacou que Sargadelos é unha "empresa singular e importantísima". "Non é só o que produce senón o que representa para a comarca e para Galicia", engadiu quen lembrou tamén que a fábrica de Cervo foi fundada xa en 1806. "Hai moitísima historia, moita cultura, moita arte, moita creatividade e moito traballo. Imos ser serios todos, procurando axudar no que sexa posible para que quede como empresa de referencia e incremente a súa produtividade", rematou. 

Alfredo Llano, alcalde de Burela e presidente da Mancomunidade da Mariña © Concello de Burela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.