Ás nove da mañá o consumo era de 25.531 megavatios, un 24,8% inferior ao do xoves pasado a esta hora (33.950). A demanda de enerxía é lixeiramente superior ao dun domingo, segundo datos de Red Eléctrica de España. Red Eléctrica de España programou unha baixada da produción eléctrica dun 30% para a mañá do xoves, o que indica que, segundo os seus modelos, o seguimento da folga xeral pode ser moi importante. A predición de REE coincide cun día típico de domingo. Por exemplo, o domingo pasado gastábanse 25GW a media mañá, exactamente o programado para este xoves.
Como referencia poden servir os datos de descenso do consumo eléctrico de folgas anteriores. En 1988, na folga contra a política económica do Goberno de Felipe González, a demanda de enerxía descendeu un 34% en todo o día. Na folga xeral de 1994 o descenso foi do 27'5%, aínda que hai que ter en conta que esta folga tivo lugar en xaneiro, cun consumo de calefacción moi superior. En xuño de 2002 o descenso ao longo de todo o día foi do 20,8%, case en 25% ás nove da mañá. Finalmente, en setembro de 2010 o descenso acumulado en toda a xornada foi do 16%.
9:00 | Media | |
---|---|---|
2012 | 24,8% | - |
2010 | 19% | 16% |
2002 | 25% | 20,8% |
1994 | 27,5% | |
1988 | 34% |
Pola súa banda, o grupo Economistas fronte á Crise difundiu un estudo sobre consumo de electricidade debida á actividade produtiva que afirma que até as catro da tarde esa demanda diminuíra nun 87,8%, superior mesmo ao da folga de 2002 (83,9%) e amplamente máis importante que o da folga de 2010 (67,5%). Explican que este dato é moito máis fiable que outros indicadores de demanda total, pois a folga non ten incidencia sobre o consumo dos fogares que non desconectan os electrodomésticos, calefaccións e iluminación. Este outro indicador, en cambio, "distingue entre o segmento de consumo de electricidade dos fogares e dos servizos básicos de mantemento dos medios de produción e dos procesos contínuos e o debido á actividade produtiva que é o obxecto da folga".
O grupo explica que a folga na quenda de noite tivo un seguimento moi elevado, con caídas até as sete da mañá superiores ao consumo que se produce nun día festivo desestacionalizado, o que reflite que a gran industria parou practicamente na súa totalidade. A partir desa hora o consmo sobe habitualmente pola incorporación do sector servizos á actividade. Os economistas advirtes de que neste sector o consumo de electricidade non se ve tan afectado porque o consumo de aires acondicionado, calefacción ou servidores se mantén con independencia da incidencia da folga.