O "culebrón" de Pemex volve cruzarse no camiño de Feijóo

Feijóo, na presentación dos contratos de Pemex © Xoán Crespo

As dúbidas sobre Pemex volven aparecer no camiño de Feijóo. Pasadas as eleccións autonómicas e despois de que durante a campaña as contradicións entre a petroleira mexicana e a Xunta sobre o encargo dos floteis a Barreras e Navantia semellasen poñer en perigo o acordo, as suspicacias continúan. O atraso na licitación das dúas embarcacións, a revelación de que os contratos son finalmente cunha filial norteamericana e a confirmación adiantada por Praza de que os contratos "confidenciais" obedecen a  unha "estratexia" para asegurarse a contratación nun concurso que non dá chegado non fan máis que incrementar o malestar tanto na oposición como nos traballadores, que desconfían xa do futuro encargo.

"As últimas informacións non fan máis que desmentir os presuntos contratos", denuncia o PSdeG

Así, as deputadas socialistas Beatriz Sestayo, do Parlamento galego, e Paloma Rodríguez, do Congreso,  veñen de reclamar unha "reunión urxente" cos responsables da SEPI para que aclaren “dunha vez por todas” o que está pasando co “culebrón” de Pemex. Segundo as parlamentarias, as últimas informacións aparecidas nestes días nos medios no fan máis que desmentir, "como denunciara o PSdeG desde o minuto un", os presuntos contratos asinados entre Feijóo e a petroleira. "Xa non sabemos nin que nome ten, xa que primeiro era Pemex, logo PMI Internacional e agora, polo visto, PMI Norteamérica", asegura Sestayo en referencia ás informacións de Praza.

"Confírmase tamén outro dos extremos advertidos polos socialistas durante a campaña electoral: como era lóxico polo carácter público da empresa contratante, os contratos terán que ser adxudicados despois dun concurso público, e non asinados por contrato como fixo para gañar unhas eleccións”, denuncia o PSdeG, que destaca o atraso na licitación, derivado do relevo de conselleiros en Pemex tras o cambio de goberno no país azteca.

Tal e como revelou este diario -que tivo acceso aos documentos remitidos por PMI ao organismo de transparencia do Goberno mexicano- non foi PMI Internacional a que asinou os contratos cos estaleiros galegos, como se dixera nun principio, senón PMI Norteamérica SA (PMI NASA), que acordou manter en "estrita confidencialidade" os acordos con Barreras e Navantia para así "non poñer en risco a estratexia" que a devandita filial ten "para participar no proceso que leva a cabo Pemex Exploración" e poder así asegurarse a súa contratración no concurso que se levará a cabo nos vindeiros meses.

Pemex reitera que se construirán os barcos aínda que non se gañe o concurso, aínda que tamén recoñece unha "estratexia" coa Xunta para conseguir a licitación

"Estes contratos foron clasificados como información reservada (...), xa que no caso de proceder á súa difusión poderíanse menoscabar a condución e as negociacións coas contrapartes", aclara PMI Comercio Internacional no devandito documento, que engade que PMI NASA "e as súas contrapartes pactaron nos dous contratos que se mantivese con estreita confidencialidade a información derivada dos termos e condicións aí contidos".

Segundo informacións xa reveladas hai meses, a filial de Pemex está convencida de que a oferta conxunta cos estaleiros galegos sería a máis rendible para a petroleira e que reuniría as mellores condicións económicas e tecnolóxicas, o que aseguraría o encargo para Galicia e o que explicaría tamén as xustificacións que PMI Internacional dá ao Goberno mexicano para manter a confidencialidade. "Revelar a información pode provocar que algún outro participante dentro do mesmo procedemento convocado por PEP aproveite no seu beneficio a presente información co fin de presentar propostas que melloren as condicións pactadas por PMI NASA nos seus contratos", chega a explicar ao organismo de transparencia azteca.

A pregunta é que ocorrerá no caso de que a oferta conxunta de PMI NASA e os estaleiros galegos non gañe o concurso. Nese caso, e segundo aclarou Pemex en varias ocasións, sería a propia filial a que tería capacidade por si mesma para construír os barcos e logo ofrecelos no mercado internacional.

Así e todo, é aquí onde políticos e prensa mexicana seguen tendo moitas dúbidas. Segundo fontes aztecas coñecedoras do proceso, "o asunto do concurso non foi transparente e nin moito menos de coñecen as bases de licitación". "Polo momento, os estaleiros galegos xa teñen asinados contratos, que posiblemente se fixeron por asignación directa, como varios dos proxectos que a administración do ex presidente Felipe Calderón estivo realizando antes de que rematase o seu período de goberno", aseguran as mesmas fontes, que insisten nas sospeitas de que o acordo coas empresas galegas foran froito dun antigo pacto político.

Os socialistas advirten de que "tomará medidas ante as vías e institucións oportunas" se Feijóo non fai públicos os contratos

Por todo isto, e xa por segunda vez, a parlamentaria socialista Beatriz Sestayo vén de presentar un escrito no que esixe ao Goberno da Xunta de Núñez Feijóo que entregue “xa e sen máis tomaduras de pelo á cidadanía de Ferrolterra” estes presuntos contratos, que lle están a desmentir unha vez máis. No caso de que non se fagan públicos dun xeito inmediato, Sestayo anunciou que "iniciará as medidas ante as institucións e vías que considere oportunas".

Dique flotante

Por outra banda, a deputada autonómica do PSdeG-PSOE denunciou tamén "as constantes mentiras en torno ao dique flotante", que “unicamente é un compromiso do PP nas campañas electorais”. Para Sestayo, as declaracións efectuadas o pasado martes polos conservadores son unha mostra máis da “cara dura” do PP, exemplificada nos compromisos falsos dos dirixentes dese partido coa constitución da comisión de seguimento. "O único que están a facer é dar largas aos alcaldes e traballadores dos estaleiros e evitar accións claras e contundentes para a construción dunha infraestrutura que suporía un parón á sangría de despedimentos que está a sufrir o naval da ría de Ferrol", di.

“Os socialistas non estamos dispostos a permitir que o Partido Popular continúe menosprezando, mentindo e ríndose dunha comarca que está a morrer pola desfachatez duns políticos que unicamente están aí para acatar as ordes do seu partido”, manifestou Sestayo. No Parlamento “estamos a ver todos os días como Feijóo toma o pelo a toda a Galicia, pero se algunha é sangrante e dunha envergadura sen parangón, esta é a do naval de Ferrolterra”, afirmou Sestayo.

Parte do informe requirido polo IFAI a PMI ao que tivo acceso Praza Dominio Público Praza Pública
Estaleiros de Navantia Fene-Ferrol © Navantia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.