O descoñecido resultado das subvencións da Xunta ao coche eléctrico

Feijóo, na factoría de Citroën ante un dos vehículos subvencionados © Conchi Paz

En setembro de 2012 o Consello da Xunta aprobaba inxectar case 11 millóns de euros en Citroën. Facíao un día despois de que a multinacional francesa anunciase o lanzamento do "Berlingo eléctrico made in Spain", un "novo vehículo comercial desenvolvido en colaboración coa Xunta de Galicia". Naquela comunicación a compañía automobilística non explicaba que caste de "colaboración" era a que a unía co Goberno galego e, moito menos, os cartos que sairían do erario para esta operación. Tampouco se mencionaba en absoluto o obxectivo oficial da achega, que segundo a Xunta era promocionar a marca Galicia a nivel internacional" a través da inserción da marca turística deste país na carrocería destes vehículos.

Aquel anuncio da furgoneta co nome de Galicia, bendecido polo presidente, Alberto Núñez Feijóo, chegaba un ano despois de que a propia Xunta se implicase noutro proxecto que tamén tiña o coche eléctrico como protagonista. En vésperas das eleccións municipais de 2011 o anterior conselleiro de Industria, Javier Guerra, comparecía xunto ao daquela presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, para comprometer "apoios públicos por case 11 millóns de euros" para unha factoría que, supostamente, ía poñer en marcha en Melón a británica Xero. Aquel investimento ía traer consigo "1.000 postos de traballo" e, finalmente, non trouxo nada.

A Xunta inxectou case 11 millóns de euros en Citroën para producir furgonetas eléctricas

Este é o contexto no que o BNG, a través da súa deputada Carme Adán, se preguntou "que sabemos" do resultado destes investimentos no que Feijóo definiu como "coches do futuro". "Rexistrei preguntas escritas demandando transparencia" e o que conseguiu foi pouco máis que unha serie de lugares comúns. "A Xunta de Galicia no seu conxunto ten como un dos piares da súa política o apoio á nosa industria", comeza a resposta oficial, na que Industrai especifica que "unha das liñas na que se traballa é a consistente no apoio simbiótico a PSA Vigo, levando marca Galicia nos vehículos full eléctric fabricados en Galicia". Segundo a Consellería os cartos públicos inxectados a esa simbiose "non son unha subvención a fondo perdido", senón "un apoio que está baseado no impacto real da fabricación e comercialización deses vehículos".

O Goberno terá que elaborar un informe sobre os resultados concretos das subvencións

"O desembolso referente a este acordo será progresivo -abonda a Xunta- e gardará unha realción directa coas unidades fabricadas". "De non acadarse as cifras de comercialización de vehículos prevista, a achega reducirase para adecuala ao nivel da demanda". Con esta resposta, censura Adán, é "imposible saber canto era a subvención inicial, cantas unidades foron fabricadas, cantas foron matriculadas" ou "en que porcentaxe se reduciu" a produción para "adecuala ao nivel" dunha demanda que, segundo os datos recomplilados polo Bloque, non foi moi alén das "administracións públicas que mercaron un coche eléctrico".

Ante a falta de datos a parlamentaria coida que "o único" logrado ata o momento é "engrosar as contas de determinadas empresas" mentres outros vehículos, como os do transporte adaptado para persoas en situación de dependencia, deixan de funcionar por falta de apoio público. Neste escenario Adán vén de lograr o apoio da Comisión de Industria do Parlamento para instar a Xunta a presentar un informe "de análise e avaliación sobre política de subvencións e investimentos realizados pola administración galega para o apoio e promoción do vehículo eléctrico", incluíndo unha "avaliación concreta dos resultados obtidos".

Feijóo, na factoría de Citroën ante un dos vehículos subvencionados © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.