O desemprego centra as marchas do 1º de maio

Manifestación do 1º de maio da CIG en Vigo © CIG

Milleiros de persoas manifestáronse neste 1º de maio, convocados polos principais sindicatos, en marchas que percorreron as rúas das sete cidades galegas, ademais de vilas como Vilagarcía, A Estrada, Viveiro, Cervo ou Ribeira. Un ano máis as centrais sindicais acudiron divididas á cita, con tres convocatorias distintas: CC.OO. e UGT por un lado, CIG polo outro, e a CUT polo outro máis. As manifestacións centrais celebráronse en Vigo, onde se rexistrou a participación máis importante, e a onde acudiron tanto os líderes sindicais coma representantes políticos de PSdeG-PSOE, AGE e BNG.

O emprego marcou as reivindicacións, dous días despois dos moi negativos datos da EPA do primeiro trimestre, cunha destrución de emprego notable no conxunto de España, e máis acentuada en Galicia, onde se bateu unha nova marca histórica de desempregados, con 296 mil. Os secretarios xerais de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, e de UGT, José Antonio Gómez, participaron na manifestación de Vigo, onde sinalaron que "o paro é o principal problema do país". Tamén lembraron que xa son 101.500 os fogares con todos os activos en paro e 34.300 os fogares que carecen de ningún tipo de ingreso.

CC.OO e UGT tamén esixiron un incremento do investimento público, lembrando o plan elaborado pola Confederación Europea de Sindicatos (CES), que prevé proxectos en sectores como a enerxía, redes, infraestruturas de transporte e telecomunicacións, educación e formación, investigación, servizos públicos ou vivenda social, e que "posibilitaría crear once millóns de empregos na UE, poñer fin aos recortes de gasto, aumentar os salarios e reforzar as prestacións e redes de protección social". Aguión e Gómez tamén se referiron ás eleccións europeas do vindeiro 25 de maio, nas que "a cidadanía terá a oportunidade de escoller entre o actual modelo, de recortes e a precarización das condicións de vida e de traballo, ou aportar por alternativas que rematen coa austeridade, combatan a a competencia baseada nos baixos salarios, defendan os servizos públicos e recuperen a esencia da democracia", sinalaron.

Tamén houbo referencias á inminente cita electoral nas manifestacións convocadas pola CIG, baixo o lema Contra a explotación e a pobreza. Fagámoslle fronte á Unión Europea. Organización, loita e soberanía. O sindicato nacionalista denunciou "a situación de pobreza, precariedade e desemprego que afecta a miles de galegas e galegos". Unha situación que, sinalaron, "está a provocar a masiva emigración da nosa mocidade e que empeora por mor das políticas promovidas pola UE e aplicadas pola Xunta de Galiza e o Goberno español". O sindicato fixo "un chamamento a organizarse contra o sistema capitalista e reclamar outro modelo máis xusto, solidario e democrático".

Ante esta situación, a "conversión do ensino, a saúde, a asistencia social ou as pensións nun negocio para o capital privado", unha política fiscal "inxusta" ou as "contrarreformas laborais", a CIG aposta pola "loita solidaria da clase obreira de todo o mundo, desde a súa propia realidade e autoorganización, contra este sistema socioeconómico capitalista". O secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, incidiu na necesidade de conquistar un novo modelo socioeconómico. “Hoxe máis ca nunca reafirmámonos na reivindicación e no compromiso por un novo modelo económico e social máis xusto e solidario”.

A CUT, pola súa banda, chamou a saír á rúa "sumando forzas na unión do sindicalismo alternativo, de clase e combativo" e, por exemplo compartiu manifestación coa CNT en Compostela, ou coa CGT en Vigo e A Coruña. A CUT é un dos sindicatos asinantes dun manifesto polo Primeiro de Maio no que se reclama a nivel estatal "asumir o espírito do 22M": "o éxito das Marchas da Dignidade que confluíron en Madrid o pasado 22 de marzo amosou que a clase traballadora e as clases populares están dispostas a tomar a rúa".

 

Numerosa presenza de líderes políticos

Numerosos líderes políticos participaron nas distintas convocatorias dos sindicatos. Por exemplo, na manifestació de Vigo puido verse os socialistas José Ramón Gómez Besteiro e José Blanco. Tamén á vicevoceira de AGE no Parlamento galego, Yolanda Díaz, e á candidata de AGEe nas eleccións europeas, Lidia Senra. E Xavier Vence, Ana Miranda, o capitán de abril Durán Clemente e o líder agrarista José Bové, que acudiu á marcha da CIG para apoiar a candidatura de Miranda.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamoulle ao PP que "modifique" a súa actitude ante o desemprego, en referencia ás declaracións realizadas este mércores por Alberto Núñez Feijoo sobre os datos da EPA. "O PP comprometeuse a crear emprego, a xerar riqueza, e estamos peor", criticou.

Pola súa banda, Yolanda Díaz esixiulle aos populares que "defenda os postos de traballo" e lembroulles que "os datos da EPA amosan violencia", pois "violencia é ter máis de 100.000 familias con todos os seus membros en paro". Mentres, Xosé Manuel Beiras, que participou nas marchas de CUT e CIG, lamentou que as direccións dos sindicatos "non se teñan posto de acordo para mostrar xuntos o rexeitamento ás agresións que están a sufrir os traballadores e os seus dereitos, sexan do sindicato que sexan e teñan a ideoloxía que teñan".

O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, esixiu "traballo digno" e "futuro para a xente", sobre todo para os mozos e mozas que se ven obrigados a emigrar. Vence cualificou a situación da economía de "absolutamente catastrófica".

 

Folga xeral

Houbo berros de folga xeral na manifestación convocada pola CIG en Vigo. E aínda máis nas marchas convocadas en Ferrol, onde ante a particular gravidade da situación da comarca, tanto CIG por unha banda, coma CC.OO., UGT e USTG, polo outro, fixeron referencias á posibilidade de convocar unha nova folga comarcal, despois da que se celebrou hai un ano.

En Ferrol, ademais, tras rematar as dúas manifestacións, levouse a cabo a acción Rodea o Concello, nunha convocatoria que prevé manter unha concentración ao redor da Casa do Concello até as dez da noite. "Na nosa comarca este 1º de maio ten que ser de loita e vixilia ante a emerxencia social que estamos a vivir", destacan os seus organizadores.

Cabeceira da manifestación de CC.OO. e UGT en Ourense © Óscar Corral
Manifestación do 1º de maio da CIG en Ourense © @noelablanco
Manifestación do 1º de maio da CIG en Lugo © @bejaure
Manifestación do 1º de maio de CC.OO. e UGT na Coruña © Aida Blanes
Cabeceira da manifestación da CIG en Compostela © Diego Boquete
Cabeceira da manifestación de CC.OO. e UGT en Vigo © Juan Martínez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.