O esgotamento reduce máis o número de demandantes de emprego que os novos contratos

Baixas de demandantes de emprego en Galicia (2005-14) Dominio Público Praza Pública

Os datos do paro correspondentes ao mes de maio amosan un importante descenso no número de persoas inscritas nas oficina de búsqueda de emprego (111.916 en toda España, 5.700 en Galicia). Porén, alén das críticas á elevadísima proporción de contratos temporais e de tempada ou da cronificación que observan na situación de milleiros e milleros de parados e paradas, convertidas en desempregadas de longa duración, os sindicatos tamén alertan de que, cando menos en Galicia, o descenso do paro se segue debendo en boa medida ao abandono das listas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) de moitas persoas, ben por cansancio ou por teren marchado a outros territorios. En concreto, a secretaria de Emprego de CC.OO., Maica Bouza, lembrou este martes que o paro diminuíu en 6.700 persoas en Galicia, pero a afiliación á Seguridade Social só se incrementou en 5.808. 

O pasado mes de abril o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, culpou os propios parados e paradas galegas da súa situación e afirmou que "é difícil atopar un traballo se non amosas interese en conseguilo". Referíase ás negativas cifras da Enquisa de Poboación Activa, que amosaban un número moito máis alto das persoas sen emprego que as que revelaban os datos das oficinas de emprego. É dicir, que cada vez había máis galegos e galegas que non renovaban a súa solicitude de demanda de emprego, ao non cobrar ningún tipo de prestación e non ter confianza en acceder a contrato ningún a través dos servizos públicos de colocación. Outro dato moi revelador neste senso é a diferenza entre o descenso no número de persoas inscritas no SEPE nos útimos doce meses en Galicia (20.442) e o incremento das afiliacións neste tempo (3.128).

Entre 2005 e 2008 seis de cada dez baixas se debían a novos contratos. Nos catro primeiros meses de 2014 son máis as baixas provocadas por outros motivos, principalmente pola non renovación das solicitudes

Dende hai uns meses as cifras de afiliación á Seguridade Social comezan a crecer, moi de vagar, despois de anos de descensos. En total, hai no conxunto de España 261.361 afiliados e afiliadas máis que hai doce meses (un 1,6%), unha recuperación asentada, sobre todo, nos positivos datos de maio (198.320 máis). A recuperación é moito máis tímida en Galicia, cun crecemento nos últimos doce meses de apenas 3.128 afiliados e afiliadas, un 0.34%. En calquera caso, todas estas estas cifras están moi lonxe das que se rexistraban antes da crise: en xaneiro de 2008 cotizaban en España máis de 19 millóns de persoas, tres millóns por riba dos datos actuais. En Galicia, o descenso non foi tan acusado (a menor proporción de poboación inmigrante xoga un papel decisivo neste caso), pero o número de cotizantes caeu en 170 mil persoas en seis anos.

Os propios datos do SEPE amosan a escasa eficacia dos seus servizos de procura de emprego en Galicia

Os datos de emprego do ano 2013 comezaron a ofrecer un descenso no número de demandantes de emprego, pero as afiliacións non se incrementaban. É dicir, milleiros de persoas xa non figuraban como parados e paradas, pero non por acceder a un contrato de traballo, senón por non ter renovado a súa solicitude. Segundo datos do SEPE recollidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE), a medida que foi avanzando a crise, a proporción das baixas de demandantes de emprego motivadas por teren atopado un traballo foi cada vez menor. Se entre 2005 e 2008 seis de cada dez baixas se debían a novos contratos, a partir de 2009 esa proporción foi descendendo, até que nos catro primeiros meses de 2014 son máis as baixas provocadas por outros motivos, principalmente pola non renovación das solicitudes.

  Baixas totais de demanda de emprego Por atopar Traballo Por non renovación e outros motivos
2005 266.035 162.775 (61,19%) 103.260 (38,81%)
2006 402.917 242.934 (60,29%) 159.983 (39,71%)
2007 389.705 243.178 (62,4%) 146.527 (37,6%)
2008 392.120 229.755 (58,59%) 162.465 (41,41%)
2009 420.705 227.803 (54,15%) 192.902 (45,85%)
2010 430.868 229.834 (53,34%) 201.034 (46,66%)
2011 446.626 235.413 (52,71%) 211.213 (47,29%)
2012 459.541 231.832 (50,45%) 227.709 (49,55%)
2013 487.545 244.148 (50,08%) 243.397 (49,92%)
2014 157.036 78.113 (49,74%) 78.923 (50,26%)

Fonte: IGE. Datos de 2005, de maio a decembro. Datos de 2014, de xaneiro a abril

 

A razón de que cada vez máis persoas abandonen as listas de demandantes de emprego, á vista dos datos, parecen non estar relacionadas coa suposta "falta de interese" apuntada por Núñez Feijoo. Por unha banda son cada vez menos os parados e paradas que reciben algunha prestación (contributiva ou asistencial), para a que é imprescindible que estean inscritas nos servizos de colocación. De feito, ao redor de 155 mil parados e paradas galegas non cobran ningún tipo de prestación (dun total de case 300 mil). Pola outra, os propios datos do SEPE amosan a escasa eficacia dos seus servizos de procura de emprego. Se en 2005 ou 2006 ao redor de unha de cada dez baixas de demandantes de emprego estaban motivadas por ter acadado un contrato a través do propio servizo, en 2012 e 2013 a porcentaxe caeu por debaixo do dous por cento. E nos catro primeiros meses de 2014 a porcentaxe é moito máis reducida: o 0,66 por cento. 

  2005 2006 2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014

Baixas por contratos ofrecidos

pola oficina de emprego

24.590 38.597 15.989 13.887 14.330 11.468 10.478 6.857 7.819 1.041
% do total de baixas 9,24 9,58 4,1 3,54 3,41 2,66 2,35 1,49 1,6 0,66

Fonte: IGE. Datos de 2005, de maio a decembro. Datos de 2014, de xaneiro a abril

Baixas de demandantes de emprego en Galicia (2005-14) Dominio Público Praza Pública
Baixas de demandantes de emprego grazas a contratos ofrecidos pola oficina de emprego Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.