O Estado cuestiona a constitucionalidade do artigo da Lei do Solo que limita a cesión de terreos aos concellos

O artigo en discusión retíralles aos concellos este dereito, en beneficio doutras administracións ou empresas públicas Dominio Público Praza Pública

O Estado central cuestiona a constitucionalidade de varios artigos da Lei do Solo de Galicia recentemente aprobada. En concreto, trátase dos artigos 22.d); 30; 31; 34; 42.6; 85.1; 129; 130 e 131 da Lei 2/2016. Un deles, seguramente o aspecto máis relevante deste conflito, é o que establece excepcións ao actual dereito co que contan as administracións locais de recibir o 10% dos terreos nos aproveitamentos urbanísticos.

Coa lei anterior o Concello tiña dereito a recibir o 10% dese espazo, mentres que coa nova norma, "o beneficiario da cesión do 10% será a administración ou a entidade actuante"

O artigo 22.d) da nova Lei do Solo (referido ao solo urbano) sinala que no caso de que o promotor da actuación sexa outra administración, entidade ou empresa pública, os concellos perderían este dereito, como xa publicamos hai uns meses. O texto establece que isto será así nos aproveitamentos "cuxo obxecto principal sexa a construción de vivendas protexidas, vivendas de promoción pública ou equipamentos públicos ou a creación de solo para facilitar a implantación de industrias e outras actividades económicas". É dicir, na maior parte dos casos. A lei reitera estes supostos, cunha redacción case idéntica, no seu artigo 30, referido ao solo urbanizable.

Coa lei anterior o Concello tiña dereito a recibir o 10% dese espazo, mentres que coa nova norma, "o beneficiario da cesión do 10% será a administración ou a entidade actuante". Polo tanto, este artigo -de manterse- implicaría un gran prexuízo para as administracións locais cando se emprenda un proxecto urbanístico en terreos propiedade doutra administración ou empresa pública, tanto a Xunta, coma o Estado central coma ADIF ou as Administracións Portuarias. Tería consecuencias directas no caso da construción dunha nova estación do AVE ou, por exemplo, na Coruña, no proxecto da Autoridade Portuaria para o desenvolvemento urbanístico dos terreos do porto. 

A Xunta e o Goberno do Estado iniciarán agora negociacións para solucionar as discrepancias

A Xunta e o Goberno do Estado iniciarán agora negociacións para solucionar as discrepancias, de xeito que a Xunta acepte a modificación destes artigos ou que o Estado central acepte a redacción actual. Doutro xeito, o conflito podería rematar nun recurso perante o Tribunal Constitucional.

 

O artigo en discusión retíralles aos concellos este dereito, en beneficio doutras administracións ou empresas públicas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.