O Executivo prorroga a axuda de 400 euros, pero introducirá modificacións

O rei de España, xunto a Mariano Rajoy © Goberno de España

O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, anunciou este martes que o Consello de Ministros do vindeiro 24 de agosto prorrogará -e con efecto retroactivo- o Plan Prepara, a axuda de 400 euros para parados de longa duración sen ingresos e inscritos en itinerarios de formación. "É unha axuda pequena, pero en calquera caso, mellorándoa, creo que ten o seu sentido, sobre todo nun momento tan difícil como este", indicou, tras conversar co rei de España en Mallorca.

"Imos tentar que funcione mellor, porque o obxectivo fundamental é lograr a insercion laboral destas persoas"

O xefe do Executivo matizou desta forma que o Goberno manterá a axuda, pero introducindo modificacións para mellorar a capacidade de inserción no mercado laboral dos seus beneficiarios. "Imos tentar que funcione mellor, porque o obxectivo fundamental é lograr a insercion laboral destas persoas, e isto produciuse pouco", explicou, para logo aclarar: "Non podemos desde este punto de vista darnos por satisfeitos e imos tentar que funcione mellor".

O presidente do Goberno asegurou que "é xusto" aprobar a continuidade dunha axuda que beneficia a "as persoas que están en peor situación". Rajoy reiterou que aínda que o Goberno "está a tomar decisións complexas e moi difíciles, que non lle gustan a moita xente", sempre "tenta preservar a posición das persoas nunha situación moito máis difícil". "Estamos a falar de persoas paradas de longa duración, xente están no paro coas prestacións esgotadas e familiares ao seu cargo", engadiu.

O Goberno tiña previsto que neste últimos seis meses de vixencia a axuda beneficiara unhas 125.000 persoas, cun custo aproximado de 300 millóns de euros. Con todo, estas previsións víronse superadas, cuns 500.000 beneficiarios, dos que ao redor de 200.000 cobran actualmente os 400 euros. A vixencia desta axuda, que foi prorrogada cada seis meses desde febreiro de 2011, finalizaba este 15 de agosto, o que levantara moita expectación, xa que até este martes o Goberno aseguraba que non tomara ningunha decisión. Durante os  últimos días, políticos do PP e incluso membros do Goberno apostaban por renovar a axuda.

Os sindicatos xa advertiron da súa cautela á espera de coñecer a letra pequena e as modificacións legais que se apliquen ao Plan Prepara.

O rei de España, xunto a Mariano Rajoy © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.