O final do verán eleva o paro rexistrado en Galicia en case 1.300 persoas

A conselleira de Traballo saúda un participante nun obradoiro de formación © Xunta

O paro volve subir en Galicia. O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego situouse ao remate do pasado setembro nas 238.203 persoas, o que supón un incremento de 1.264 en relación con mes de agosto, un 0,53%. O incremento é un chisco superior ao do conxunto do Estado (+0,45%), onde o número de desempregados aumentou en 19.720 persoas, o menor incremento desde 2007, quedando a cifra total en 4.447.650.

O paro sobe en 1.300 persoas mentres a Seguridade Social perde case 5.000 afiliados

O incremento do paro en Galicia en máis de 1.200 persoas contrasta coa perda de afiliados á Seguridade Social, onde caeu en case 5.000 persoas (4.969) no pasado mes e que sitúa en 936.669 cotizantes. E contrasta tamén cos datos do conxunto do Estado, onde as afiliacións aumentaron en 12.182, unha suba pequena pero moi pouco habitual no mes que pecha o verán e que adoita destruír emprego.

Xa que logo, a emigración e o desleixo daqueles desempregados que non ven nas oficinas de emprego solución ningunha son as causas que poden explicar esa diferenza de case 4.000 persoas entre o aumento do paro e a perda de afiliados á Seguridade Social que, non obstante, recupera afiliados (+1,17%) con respecto a hai doce meses.

Porque o desemprego caeu en 22.530 persoas con respecto ao mes de setembro de 2013 e, pola contra, nese período a afiliación á seguridade social só aumentou en 10.814 persoas.

De feito, un mes máis, detéctase unha contracción na poboación en idade de traballar pola saída dos mozos cara fóra e o retorno dos inmigrantes cara os seus países de orixe. Así, a caída do desemprego dos estranxeiros é do 10,5% interanualmente en Galicia.

O número de desempregados no sector servizos aumentou en 2.678 persoas no mes de setembro

O remate do verán é o que provoca este novo aumento do paro, ao acabarse milleiros de contratos no sector servizos, onde Galicia acumula 146.120 parados tras crecer en 2.678 no mes de setembro respecto a agosto. Pola contra, o desemprego baixou na industria (-190), a construción (-800) ou agricultura (-472). Tamén sobe no colectivo sen emprego anterior, que acumula máis de 20.500 parados galegos e que sumou 48 máis no pasado mes.

En canto á variación interanual, o número de parados reduciuse en 22.530 en Galicia, un 8,64% menos, fronte ao -5,86% do Estado, onde hai 276.705 desempregados rexistrados menos que doce meses antes.

Por provincias, o paro subiu na Coruña e en Lugo con respecto ao pasado mes, un 1,23% e un 0,93%, respectivamente, pero baixou en Ourense e Pontevedra, un 0,34% e un 0,01%. Así, o número de desempregados supera os 95.000 en territorio pontevedrés e os 94.000 na Coruña, quedando en menos de 26.000 en Ourense e en case 23.000 en Lugo.

Respecto á variación interanual, os parados diminúen en todas a provincias, destacando Lugo (-11,78%) e Ourense (-10,04%), seguidas por as caídas na Coruña (-9,22%) e Pontevedra (-6,88%).

En canto aos contratos, asináronse 80.360 en setembro en Galicia, 8.327 máis que en agosto (+11,56%) e 11.259 máis que no mesmo período do pasado exercicio (+16,29%). A contratación indefinida sobe no mes nun 48,4% e a temporal nun 9,33%, mentres que interanualmente increméntanse os indefinidos o 24,5% e os temporais o 15,7%.

Do total de contratos asinados en setembro, o 92,4% foron temporais

Non obstante, do total de contratos asinados en setembro, 74.255 foron temporais e representan o 92,4 %; pola contra, os indefinidos foron máis de dez veces menos, 6.105 (7,6 %).

HABERÁ AMPLIACIÓN

A conselleira de Traballo saúda un participante nun obradoiro de formación © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.